A xerencia do Junior's desminte todas as afirmacións da CIG
Nestes momentos, os 21 traballadores do colexio acumulan impagamentos de até 5 meses nos casos máis sangrantes e incluso nalgún caso descubriron que non estaban contratados nin cotizando á Seguridade Social.
A CIG-Ensino afirmou hoxe que a situación do persoal do Junior's é "desesperada". O sindicato afirma que moitos dos profesores levan ata cinco meses sen recibir ningún soldo por parte da xerencia do centro e poñen de manifesto que os traballadores non están dados de alta na Seguridade Social.
COMPOSTELA24HORAS.COM púxose en contacto con Diego Rosales, xerente da empresa, e afirma que toda a información proporcionada pola CIG é completamente falsa. "Todo o que está a dicir a CIG no seu comunicado é mentira".
"Podo demostrar sen ningún problema que estas acusacións son falsas porque os traballadores está dados de alta e sempre se lles paga no seu momento", afirma Rosales. Aproveita para dicir que hai un certo retraso nos pagos pero que están cobrando no seu mes correspondentes.
O xerente deixa claro que no verán houbo problemas con traballadores que agora xa non están na colexio pero que se puido chegar a acordos con algúns deles.
"Este novo proxecto, sen vinculación co Opus Dei, comezou en setembro de este ano, con moita ilusión e seguimos adiante pese as dificultades", asegura Diego.