O Consello da Xunta autoriza as expropiacións necesarias para a mellora e integración do Camiño Fracés no Monte do Gozo
Esta actuación fai necesaria a expropiación de 7 predios, destinándose unha partida de preto de 29.000 euros para o pagamento dos terreos
O Consello da Xunta autorizou onte o proxecto de decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés no Monte do Gozo, no Concello de Santiago.
O orzamento estimado desta nova intervención impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ascende a preto de 840.000 euros, aos que se engaden preto de 29.000 euros para o pagamento das expropiacións das 7 predios necesarios para esta actuación. Nas vindeiras semanas está previsto iniciar a contratación das obras e o levantamento de actas previas realizarase no primeiro trimestre de 2019.
O Executivo autonómico da así o visto e prace para a materialización desta primeira actuación no Camiño Francés, que se enmarca dentro da estratexia da Xunta para optimizar as entradas na capital de Galicia das diferentes rutas xacobeas.
Trátase de dotar dunha imaxe de identificación internacional común a ruta xacobea, que pretende conseguir que no vindeiro ano santo do 2021 o Camiño sexa claramente visible e identificable nas zonas urbanas da capital de Galicia, favorecendo o tránsito dos peregrinos sobre o tráfico rodado, así como a posta en valor e desfrute dos espazos polos que transcorre.
ACTUACIÓNS NO MONTE DO GOZO
A estratexia de mellora e integración paisaxística do Camiño francés, ao seu paso polo Monte do Gozo, céntrase na reordenación da contorna ata o paso da estrada N-634 sobre a autoestrada AP-9, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño e reducindo o tránsito de vehículos no tramo coñecido coma rúa do Gozo. Tamén cabe destacar a grande importancia que a dita actuación terá para os veciños do lugar.
As principais actuacións previstas no alto do Monte de Gozo comezan coa intervención no treito inicial, que coincide coa zona da capela de San Marcos, onde se creará unha nova praza na fronte da capela, que terá árbores de especies autóctonas e a que se dotará de iluminación para destacar puntos singulares como a entrada do adro.
A senda de baixada para o peregrino partirá do adro da capela de San Marcos, atravesará a carballeira existente e continuará o seu trazado en paralelo á calzada actual e separada desta por unha zona verde. A medida que o camiño descende garantirase unha anchura mínima da pista natural de 3 metros. Xa no núcleo de San Marcos, a partir do cruzamento coa rúa do Gozo, executarase unha plataforma continua de formigón que permitirá a convivencia de veciños, peregrinos e vehículos e coidando especialmente a zona fronte ás vivendas.
O tramo final deste ámbito resolverase mediante unha pasarela de percorrido accesible que conectará este punto da rúa do Gozo coa N-634 e o seu paso sobre a AP-9, eliminando as actuais escaleiras. Cabe salientar ademais que no tramo da actuación unicamente se permitirá o tráfico de subida cara ao Monte do Gozo.
ACTUACIÓNS NOS CAMIÑOS DE SANTIAGO
Esta estratexia de mellora e integración paisaxística dos camiños prevé que as actuacións se desenvolvan seguindo criterios de deseño homoxéneos e que contribúan a facelos facilmente recoñecibles.
En concreto a esta actuación no Monte do Gozo sumaranse as proxectadas tamén no Camiño Francés, en San Lázaro e os Concheiros, así como as definidas no Camiño Portugués, no barrio de Conxo, e no Camiño Inglés no polígono do Tambre e na rúa Mulas.
Neste sentido, o pasado 22 de novembro o Executivo autonómico deu o seu visto e prace ao ás 10 actuacións planificadas desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nos camiños de Santiago na cidade de Compostela, cuxas obras comezarán a executarse en 2019 para telas rematadas a mediados de 2020.