A Biblioteca Ánxel Casal celebra O Día + Curto
A Biblioteca participa neste Día cunha programación de curtametraxes que se proxectarán en diferentes sesións no na sala infantil e no salón de actos
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal súmase á celebración do Día da Curtametraxe que se conmemora o 21 de decembro, coincidindo co solsticio de inverno, e acolle O Día + Curto na Ánxel Casal. Trátase dun evento organizado pola Coordinadora del Cortometraje español que ten como obxectivo principal dar a coñecer a curtametraxe ao público a través de proxeccións de cine de balde nas rúas e en todo tipo de espazos. .
A Biblioteca participa neste Día cunha programación de curtametraxes que se proxectarán en diferentes sesións no na sala infantil e no salón de actos. A entrada é libre ata completar a capacidade das salas.
Na sala infantil ás 18:30 horas e dirixido ao público infantil teremos o Europe Kids Program, programa de curtas infantís europeas, confeccionado por Short Circuit, a rede europea de distribuidores de curtas. Un programa especialmente pensado para os máis pequenos con oito curtametraxes de animación, sen diálogo, provenientes de Croacia, Francia, Portugal, Holanda, Irlanda e Lituania
No salón de actos ás 19:30 horas e dirixida a maiores de 16 anos teremos a proxección de “La cabina” de Antonio Mercero. Falecido o 12 de maio deste ano, é probablemente un dos creadores máis importantes e influentes da historia do audiovisual español. A súa curtametraxe “La Cabina” (1972) pasou á historia como o único Emmy (os Oscars da TV que concede a Academia de Televisión Americana) conseguido por unha produción española (ata que hai uns días a serie "La casa de papel" obtivo o segundo) e por ser a primeira produción de RTVE vendida a todo o planeta.