miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

ABANCA e a Cámara de Comercio concenden bolsas para a estancia de tres emprendedores no viveiro de empresas

ABANCA e a Cámara de Comercio concenden bolsas para a estancia de tres emprendedores no viveiro de empresas
ABANCA e a Cámara de Comercio concenden bolsas para a estancia de tres emprendedores no viveiro de empresas

Afianzan o seu compromiso co emprendemento e renovan o seu apoio ao tecido produtivo da capital autonómica

A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA reafirmaron onte o seu compromiso co emprendemento coa sinatura dun convenio de colaboración. O acordo selouse en Compostela nun acto co presidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Sierra, e o director de negocio institucional en Galicia, Asturias e León de ABANCA, Lino Comesaña.

Unha das primeiras accións que se realizarán grazas a este acordo será conceder bolsas para a metade da estancia de tres emprendedores durante un ano no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, situado no polígono de Costa Vella. 

Durante este tempo, os elixidos recibirán unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver un plan de empresa, con axuda das ferramentas de xestión necesarias e o asesoramento dos técnicos de creación de empresas da Cámara de Comercio. Trátase dunha completa proposta teórico-práctica que ten como obxectivo final poñer en marcha e garantir a viabilidade do proxecto empresarial.

O acto de onte tamén serviu para prorrogar a colaboración das dúas entidades, un traballo conxunto que pon en valor as iniciativas desenvolvidas no último ano e que impulsa o apoio ao tecido produtivo da capital autonómica.

Ademais, ABANCA oferta a través do convenio unhas condicións financeiras preferentes para todos aqueles emprendedores que se atopen instalados na incubadora de empresas a través do Plan Activamos coas Deputacións galegas. Poderán solicitar un préstamo para emprendedores, un préstamo para novos investimentos, un préstamo para actuacións de mellora da eficiencia enerxética na empresa, unha póliza de crédito de creación de empresas ou unha póliza de crédito para necesidades de circulante.

Comentarios
Lo más