A RFG celebra hoxe xoves o seu concerto de Nadal
O programa destes concertos centrarase nunha selección de danzas francesas
A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano por estas datas, o seu tradicional concerto de Nadal, con tres citas. A primeira será hoxe xoves en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. A batuta destes tres concertos levaraa o director catalán Francesc Prat, no que será o seu debut coa Real Filharmonía de Galicia.
O programa destes concertos centrarase nunha selección de danzas francesas. Comezarán con varios fragmentos das indias galantes do compositor barroco galo Jean- Philippe Rameau (1683-1764). Esta ópera-ballet narra historias de amor "galante" en lugares remotos e exóticos, comprendidos baixo o nome xenérico de "as indias". Estes lugares son Turquía, Perú, Persia e América do Norte.
A continuación, os músicos interpretarán a Petite Suite de Claude Debussy (1862-1918). Son catro pezas nas que se mostra un barco navegando lentamente nunha cálida tarde de verán, un cortexo elegante e cheo de algarabía, unha danza e, finalmente, unha intensa escena de ballet.
O público terá ademais a oportunidade de escoitar Chacona do ballet de Armide, do compositor alemán Christoph Willibald Gluck (1714-1787). E os concertos concluirán coa Sinfonía nº 82 de Franz Joseph Haydn (1732-1809), a primeira das Sinfonías de París, coñecida como "O oso". Este sobrenome débese ao tema do último movemento, onde se trata de imitar unha danza campesiña denominada "danza do oso", porque é do tipo das que empregaban os feirantes que ían cun oso domesticado, de aldea en aldea, ofrecendo o espectáculo no que o animal "bailaba" ao son desta música.