Xoan Bascuas reúnese coa asociación de veciños da Gracia
Na xuntanza se tratou a posibilidade de dotar ao Centro Sociocultural dun servizo auxiliar e unha traballadora social para atender as demandas da veciñanza do rural norte
Xoán Bascuas e a directiva da asociación de veciños da Gracia mantiveron un encontro no que trataron a diversidade de demandas, inquedanzas e reivindicacións da parroquia. Deste xeito, unha delegación da Executiva local de Compromiso tivo ocasión de coñecer de primeira man as diferentes problemáticas que sinala a entidade veciñal: a situación do transporte urbano e a insuficiencia de frecuencias, a falta de marquesiñas, a necesidade de acondicionamento de sendas peonís, as deficiencias no saneamento, os cortes frecuentes de luz nos fogares, a falta de limpeza das cunetas, a cobertura de fibra óptica, o asfaltado de algunhas pistas, ou a mellora das comunicacións do barrio coas parroquias limítrofes.
Na xuntanza tamén se tratou a posibilidade de dotar ao Centro Sociocultural dun servizo auxiliar e unha traballadora social para atender as demandas da veciñanza do rural norte. Cómpre ter en conta que, en moitos casos, a xente é maior e con problemas de mobilidade, polo que o Sociocultural proporcionaria un espazo no que facilitar o acceso aos trámites administrativos.
Dende Compromiso valoran moi positivamente a xuntanza e apoian as reivindicacións da veciñanza, polo que piden máis implicación por parte das institucións para cumprir as súas demandas.