Noia celebra hoxe un pleno extraordinario para aprobar o POS 2019
Unha relación de obras entre as que se inclúe a ampliación e renovación do parque infantil de San Lázaro, unha das obras máis demandadas pola veciñanza
O Concello de Noia celebrará hoxe mércores 19 de decembro, ás 10:00 horas, unha sesión plenaria extraordinaria na que aprobará a relación de obras a incluír no Plan Único de Concellos POS+2019 da Deputación Provincial da Coruña. Unha relación de obras entre as que se inclúe a ampliación e renovación do parque infantil de San Lázaro, unha das obras máis demandadas pola veciñanza.
A concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, explica que “a nosa intención é facer unha actuación importante neste parque, onde renovaremos o chan e os xogos actuais e ampliaremos a súa superficie para instalar novos xogos e poder acoller a nenos e nenas de distintas idades”. López Cierto sinala que “despois da renovación do parque infantil do paseo marítimo, o de San Lázaro é unha das demandas que máis nos fixeron chegar os veciños e veciñas de Noia, polo que apostamos por unha actuación importante estimada en 100.000 euros”.
Neste ano 2018, o Concello de Noia leva construído dous novos parques infantís (Pontenafonso e Boa) e realizado importantes actuacións noutros dous (Campo das Rodas e paseo marítimo), que suman máis de 170.000 euros. Unha achega á que hai que sumar as actuacións de mantemento e arranxo que se realizan ao longo de todo o ano nos distintos parques infantís do municipio.