O Ateneo de Santiago entrega o Premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico 2018 a Rocío Ovalle
O texto desta xornalista foi elixido, entre un total de dezasete traballos que concorreron ao Premio
Hoxe mércores o Ateneo de Santiago entregará o Premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico 2018 a Rocío Ovalle Fernández, designada gañadora polo xurado o pasado día 20 de novembro, data do aniversario do nacemento de Alfredo Vicenti.
O acto social celebrarase ás 20:00 horas na sede de Afundación, situada no número 19 da Rúa do Vilar, e será de acceso libre ata completar o aforo dispoñible. O Premio está dotado dunha contía económica de 1.000 euros así como dunha escultura conmemorativa realizada por un artista local.
O texto desta xornalista foi elixido, entre un total de dezasete traballos que concorreron ao Premio, gañador por unanimidade do xurado, constituído por representantes do Ateneo de Santiago, a Facultade de Xornalismo da USC e a Deputación da Coruña, entre outros.
Este acto ven a clausurar o programa de actividades do X Aniversario do Ateneo de Santiago, desenvolvido ao longo de todo este ano 2018, no cal, ademais da posta en marcha deste Premio, tamén se levou a cabo o ciclo de conferencias “En clave de futuro”, a exposición “Con Galiza sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela” xunto coa edición do catálogo, o Festival do Ateneo e a creación da colaboración de Ateneos de Galicia.