A Deputación da Coruña aprobará este venres a construcción dunha senda peonil entre Santiago e Figueiras
As obras suporán un investimento de máis de 754.000 euros para construír un itinerario peonil seguro de 2,5 quilómetros de lonxitude
A Deputación da Coruña aprobará na sesión plenaria do venres, 21 de decembro, a construción da senda peonil Santiago-Figueiras.
O proxecto, que hoxe pasa pola comisión de Vías e Obras como paso previo á súa ratificación definitiva no pleno provincial do vindeiro venres, suporá un importante investimento de 754.129,97 euros, segundo afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que detallou que as obras consistirán na ampliación e pavimentación do arcén dereito da estrada DP 7803, que pasará do medio metro actual a 2,80 metros de ancho, o que permitirá contar cunha beiravía dun metro e habilitar unha senda de 1,80 metros para ser utilizada polos veciños e polos peóns que se desprazan pola vía.
MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA ZONA
“Coa aprobación das obras da senda de Figueiras cumprimos un compromiso deste goberno provincial e damos resposta a unha necesidade e a unha antiga demanda de mellora da seguridade peonil nesta zona de Santiago”, afirmou González Formoso, que destacou que a senda terá unha lonxitude de 2,5 quilómetros e conectará nalgúns tramos con camiños que se dirixen ou proceden do Monte Pedroso, nos que se rexistra un elevado número de camiñantes.
A estrada DP-7803 serve de acceso aos núcleos de poboación de Bar de Abaixo, As Moas de Arriba, Marmancou e Figueiras, no termo municipal de Santiago de Compostela. As obras abarcarán desde o inicio do vial ata o punto quilométrico 2+560.
A nova senda executarase en mestura bituminosa en quente, un pavimento similar ao existente na actual calzada, agás en dous tramos puntuais nos que existen núcleos de vivendas (entre os puntos quilométricos 0+00 e 0+220 e 0+570 ao 0+790) nos que se optará por construír beirarrúas de formigón con bordillo.
As obras inclúen o retranqueo dos postes que soportan tendidos aéreos de telefonía, electricidade e alumeado público, a reposición de dúas acometidas de gas, e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical, entre as que figuran novas marcas viais con resaltos, delimitadores de carril de caucho con elementos reflectantes, captafaros cada 20 metros e barreiras de seguridade nas zonas de curvas; todo elo co obxecto de incrementar ao máximo a seguridade do tránsito de peóns. Tamén se prevé a reposición das cunetas e a mellora do sistema de drenaxe, con colectores de formigón, pozos de rexistro e sumidoiros.