Os populares pedirán explicacións ao Goberno pola situación da retirada dos quioscos de COGAMI
Os populares preguntarán polos pasos dados, se os houbo, polo Concello nestes dous anos e medio para tratar de aproveitar as instalacións para usos de interese público
O anuncio da retirada dos catro quioscos situados na Alameda, na Avenida Xoán XXIII, na Praza de Vigo e nas inmediacións do IES de Sar, realizado pola entidade COGAMI que no seu día fora a concesionaria destas instalacións "pon en evidencia a falta de interese e de transparencia do Goberno de Compostela Aberta sobre esta cuestión", así aseguran os populares de Santiago.
Desde hai dous anos e medio, concretamente en maio de 2016, o Pleno municipal, a instancias do Partido Popular acordara por unanimidade a regularización destes catro quioscos, pechados desde finais de 2014, “para facilitar a súa apertura a través dun procedemento de concorrencia competitiva, primando o carácter social deste establecementos”.
Aínda que se tiña en conta, só en última instancia, a posibilidade da súa retirada, valorábase a utilidade que poderían ofrecer estas instalacións, en especial os “aseos autolimpiables” adaptados que incorporan, un servizo municipal do que Santiago carece nas súas zonas máis transitadas, e que foron elemento primordial no convenio asinado para esta concesión municipal realizada hai case dúas décadas.
Ademais do servizo esencial dos aseos accesibles, na iniciativa apoiada por todos os grupos municipais facíase fincapé na recuperación da titularidade e na posibilidade de abrir un proceso de concorrencia competitiva para a súa concesión, primando nas bases o aspecto social –valoración de ingresos, dependencia, situación de desemprego prolongado…- e mesmo estudando a alternativade ampliar os seus usos para facer viable a súa explotación.
O anuncio realizado agora pola entidade concesionaria resulta sorprendente, sobre todo tendo en conta que en resposta a dúas preguntas plenarias formuladas no ano pasado, o alcalde informou de que o Concello lle tiña transmitido aos administradores concursales o seu interese por recuperar estas instalacións, chegando a afirmar -en decembro de 2017- que nos dous primeiros meses de 2018 confiaba en deixar solucionado o asunto.
"Transcorrido case o ano, atopámonos con que COGAMI anuncia a retirada dos quioscos para o vindeiro 15 de xaneiro, sen que o Concello informara dos pormenores desta decisión, das xestións e negociacións realizadas, no caso de que se fixera algo, e os motivos para desistir da recuperación e posta en valor destas instalacións, conforme ao manifestado de forma prioritaria por toda a Corporación e polo propio Goberno" aseguran os de Agustín Hernández. Por este motivo, o Grupo Popular vai presentar unha iniciativa pedindo explicacións ao Goberno sobre esta decisión anunciada pola concesionaria.