Os corredores Marcos Mayo e Fernando Fernández “Dete” e o piloto Brais Mirón Carnés, distinguidos como mellores deportistas de Lousame do 2018
O Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte entregaron 39 recoñecementos a clubs deportivos, asociacións e deportistas do municipio
O auditorio da Casa da Cultura de Lousame quedou moi pequeno para acoller ás máis de 150 persoas que asistiron á Gala do Deporte, un evento organizado polo Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame no que foron distinguidos 39 entidades deportivas, asociacións e deportistas locais. Os premios para os mellores deportistas de 2018 foron para Fernando Fernández Pérez “Dete”, Marcos Mayo Figueira e Brais Mirón Carnés.
Tanto a alcaldesa como a concelleira de Deportes, María Regenjo, coincidiron en salientar en varias ocasións o traballo e colaboración ofrecida polos clubs, asociacións e entidades deportivas porque “sen eles non poderiamos facer tantas actividades deportivas como facemos en Lousame”, sinalou Regenjo. Así mesmo, Teresa Villaverde aproveitou para pedirlle ás familias, especialmente ás que teñen fillos e fillas practicando deporte, “que sexan tamén un exemplo para os pequenos. O importante son os valores, non tanto a competición. Porque dende os clubs e asociacións traballan valores como a superación persoal, o esforzo compartido, valores positivos que fan que sexamos mellores persoas”.
A gala, presentada e amenizada polo mago Cayetano Lledó, tivo dous momentos especialmente emotivos. O primeiro foi a recollida do premio á AD Cruído, onde Alberto Bahamonde Maneiro, coordinador da asociación, sinalou “hoxe mesmo estamos de aniversario, cumprimos 25 anos e queremos agradecerllo a todas as persoas que están, que estiveron antes e que estarán, pois esperamos seguir moitos máis anos”.
E o momento máis emotivo foi a entrega da mención especial a José Manuel Ces Romero “Jori”, atleta do Club Fontes do Sar, natural de Lousame aínda que residente en Teo, que sufriu un grave accidente hai 5 anos que fixo que tivera que volver aprender a andar e a relacionarse coa xente. “Este premio dame máis forza”, dixo Jori, que agradeceu ao Concello de Lousame, ao Club Lousame Deporte e a todos os deportistas do municipio “por acordarse de min despois do meu accidente, que para a semana fará 5 anos, e que me fixo empezar de cero: aprender a andar, aprender a falar... e grazas ao deporte aquí estou hoxe”. Unha afirmación que motivou que a alcaldesa de Lousame tomase de novo a palabra para dicir que “persoas loitadoras como José Manuel son as que fan que a vida e o deporte teñan sentido”.