A Cámara de Santiago acolle unha xornada para analizar o Brexit e as súas consecuencias na actividade económica das empresas galegas
O seminario, que se celebrará o vindeiro martes, está organizado pola Secretaría de Estado de Comercio e ICEX España, xunto coa CEOE e a Cámara de Comercio de España
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro martes, 18 de decembro, a xornada divulgativa A empresa española ante o Brexit, incluída nos seminarios ICEX Dinamiza. A Secretaría de Estado de Comercio e ICEX España Exportación e Inversiones organizan, xunto coa Confederación Española de Organizaciones Empresariales (CEOE) e a Cámara de Comercio de España, un seminario sobre as implicacións para as empresas españolas da saída do Reino Unido da Unión Europea.
Esta xornada, de carácter técnico, ofrece unha visión actual das implicacións para o comercio, investimentos e contratación pública do Brexit e está dirixida ás empresas galegas con intereses económicos e comerciais no Reino Unido. Analizaranse os distintos escenarios que se formulan en relación co acordo de saído do Reino Unido da Unión Europea e as súas consecuencias na actividade económica das empresas galegas. Os aspectos políticos, legais e económicos ante o Brexit son outro dos asuntos que se tratarán neste seminario.
O evento, que se celebrará no salón de actos da entidade cameral entre as 10:00 e as 12:00 horas, será inaugurado polo vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Luis Antuña; o vicepresidente primeiro da Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), Severino Ares; e a delegada Especial da Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) de Galicia, Imelda Capote. A primeira das conferencias versará sobre Perspectivas das negociacións para o Brexit e impacto na empresa galega, impartida polo director Territorial de Comercio e ICEX en Galicia, Sergio Prieto. O segundo relatorio, titulado Implicacións aduaneiras do Brexit, correrá a cargo do xefe da Dependencia Regional de Aduanas e Impuestos Especiales (II.EE.), Jaime Moreno. Finalmente, o responsable de Promoción Internacional da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Pérez-Soba, analizará as Relacións das empresas de Santiago de Compostela co Reino Unido.
A inscrición das empresas realizarase exclusivamente a través de Internet, ata o luns 17 de decembro: www.icex.es