miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O servizo de Oftalmoloxía da Xerencia de Santiago organizou unha xornada sobre a afectación oftalmolóxica da cistinose

O servizo de Oftalmoloxía da Xerencia de Santiago organizou unha xornada sobre a afectación oftalmolóxica da cistinose
O servizo de Oftalmoloxía da Xerencia de Santiago organizou unha xornada sobre a afectación oftalmolóxica da cistinose


Asistiron 30 especialistas nesta doenza metabólica rara que se diagnostica e trata no CHUS que é CSUR para a reconstrucción da superficie ocular


A cistinose é unha enfermidade metabólica hereditaria moi pouco frecuente, que provoca unha acumulación de cistina nos lisosomas (o equivalente ao sistema dixestivo das células) formando cristais que destrúen a célula, debido a un defecto da proteína cistinosina encagarda de sacar a cistina do lisosoma. Os cristais de cistina acumúlanse nos distintos órganos do corpo, especialmente no ril e nos ollos.

É unha enfermidade rara. Existen uns 60 casos en España. Onte xuntáronse 30 especialistas desta doenza na I Reunión Galaico Lusa sobre a afectación oftalmolóxica da cistinose organizada por Teresa Rodríguez Ares, responsable da Unidade de Superficie Ocular e Córnea do Servizo de Oftalmoloxía da Xerencia de Santiago, pois o CHUS é referencia para enfermidades da superficie ocular. Na reunión analizaron os tratamentos a nivel ocular como a nivel sistémico (porque afecta a distintos órganos). Na maioría dos casos o paciente adoita precisar transplante de ril. Nalgúns tamén se precisa transplante ocular, pero a doenza volve tras o transplante de ollo e non tras o de ril.

Con respecto á afectación nos ollos, estes cristais de cistina acumúlanse en diferentes tecidos oculares pero fundamentalmente na córnea, e provocan síntomas de fotofobia, blefaroespamos (contracción involuntaria dos pálpebras), queratopatía (problemas da córnea), diminución de agudeza visual e poden causar cegueira. O CHUS é CSUR para a reconstrución da superficie ocular complexa polo que aquí se diagnostica, se trata e se fai seguimento dos pacientes afectados.

No transcurso da xornada fíxose fincapé no enfoque multidisciplinar da doenza. O prognóstico da cistinose depende do diagnóstico precoz (a partir dos 16 meses xa se pode detectar), da pronta instauración do tratamento con cisteamina e o bo cumprimento terapéutico que é imprescindible para garantir un tratamento exitoso e mellorar a calidade de vida destes pacientes, xa que actualmente as manifestacións clínicas se poden previr ou atrasar.

Na reunión celebrada onte á tarde no Hospital Clínico Universitario de Santiago participaron oftalmólogos de Madrid, Lisboa e do Servizo de Oftalmoloxía da Xerencia de Santiago, así como nefrólogos pediátricos de Oviedo e do CHUS con experiencia nesta enfermidade. Alí preséntanse protocolos para o seguimento destes pacientes.

Actualmente a maior esperanza de vida destes doentes fai que as complicacións oculares sexan importantes e é necesario realizar un diagnóstico precoz e un seguimento para previr maiores complicacións.

Comentarios
Lo más