Adxudicado o contrato de mantemento da rede viaria cun orzamento de dous millóns de euros ata 2020
Destes traballos se encargarase a empresa Obras y Viales de Galicia SL e o obxectivo é que as primeiras actuacións arranquen á volta de Nadal
"O obxectivo do Goberno é garantir o correcto mantemento da rede viaria nos próximos anos, despois de termos vivido uns primeiros anos do mandato complexos por mor da falta de investimentos en épocas anteriores" explicou o alcalde Martiño Noriega. Nesa liña, lembrou que "o orzamento destinado a mantemento e reparación dos pavimentos tense multiplicado por dez desde o inicio do mandato".
O contrato adxudicado onte por dous anos, prorrogables a outros dous, está divido en tres lotes. O máis importante, cun orzamento dun millón de euros para os anos 2019 e 2020, é para o mantemento e reparación de viarios con pavimentos asfálticos. O segundo lote, ao que se destinan 600.000 euros, é o de pavimentos non asfálticos, e o terceiro, cun orzamento de 300.000 euros, é o de viarios sen pavimentos de rodaxe específicos.
A Xunta de Goberno tamén adxudicou onte as obras de ampliación e mellora do viario de acceso a Lamascal, na parroquia de San Xoán de Fecha, nas que se van investir algo máis de 90.000 euros. Desa cifra, 33.500 euros serán achegados pola Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O proxecto contempla a ampliación da plataforma de rodadura do viario nuns 30 centímetros. As obras terán un prazo de execución de dous meses.
O Goberno deulle luz verde na xuntanza de onte á sinatura dun convenio coa Cámara de Comercio para o desenvolvemento de programas de formación, fomento da cultura emprendedora e apoio á mellora empresarial. O Concello destina a este acordo unha achega de 15.000 euros.
Ademais, deuse conta da sinatura dun acordo entre o Concello e a Universidade de Santiago para realizar un estudo sobre a eficacia dunha intervención para persoas coidadoras con síntomas depresivos, a través dunha aplicación para smartphones.