"Nadal en rede" chega a Ordes
Terá lugar hoxe de 11:00 a 13:00 horas
O programa Nadal en Rede chega a Ordes hoxe sábado de 11:00 a 13:00 horas. O local social situado na rúa Reconciliación acollerá unha xornada de Obradoiros de xogos de mesa especialmente pensada para público familiar con nenos e nenas de 3 a 10 anos.
A dita actividade está organizada dende a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), co obxectivo de promover o uso do galego no lecer destas datas festivas, ademais de galeguizar a súa celebración e os motivos típicos do Nadal. Quérese así fomentar a transmisión da lingua galega no ámbito familiar, ampliar as posibilidades de ocio nesta lingua e favorecer a súa aprendizaxe e o seu uso oral nun contexto lúdico.
No marco da actividade as persoas asistentes probarán distintos xogos do catálogo de Brazolinda e escollerán un deles para quedar na biblioteca, ludoteca ou centro sociocultural onde se desenvolva a actividade, de xeito que os nenos e nenas poidan volver xogar alí con el.