miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O parque de atraccións Santiago Park estréase hoxe como proposta de Nadal en Compostela

O parque de atraccións Santiago Park estréase hoxe como proposta de Nadal en Compostela
O parque de atraccións Santiago Park estréase hoxe como proposta de Nadal en Compostela

Tamén a vindeira semana comezará a cuarta edición do Silleda Park

O novo parque de atraccións Santiago Park abre hoxe as súas portas no Recinto Feiral de Amio, poñendo en marcha catorce días de diversión que se estenderán durante todo o Nadal. Así, ademais da xornada de hoxe, estará en funcionamento os días 16, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e tamén o 2, 3, 4, 6 e 7 de xaneiro. O parque, organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA coa colaboración do Recinto Feiral de Amio, contará con gran diversidade de atraccións, como un saltamontes, camas elásticas, inchables, a xungla, o vermiño, un mini scalextric, o touriño infantil, a barredora e unha pista de coches. A elas engadirase unha zona de xogos para os máis pequenos con propostas como balancíns, tobogáns ou actividades de globoflexia.

A entrada contará cun prezo único de 6€ por persoa e día (tanto para nenos como para adultos), podendo acceder a todas as atraccións as veces que se queira. O aparcadoiro será gratuíto e o horario irá en todas as xornadas das 16.00h ás 21.00h. Haberá servizo de restauración para que os asistentes podan merendar. Toda a información pode consultarse en www.feiragalicia.com/santiagopark

Tamén durante o Nadal a Feira Internacional de Galicia ABANCA organiza o Silleda Park, que porá en marcha a súa cuarta edición o 22 de decembro e coincidirá en datas de apertura co Santiago Park a partir desa xornada. Tamén compartirá co parque compostelá o prezo da entrada, gratuidade do aparcadoiro e horario.

En canto ás atraccións, que aumentan respecto á pasada edición, os asistentes poderán desfrutar de doce distintas, ademais de áreas lúdicas, pistas deportivas e numerosos xogos de distinto tipo. Ademais, haberá actividades e espectáculos diarios con personaxes de debuxos animados, as cales animarán o parque e se fotografarán cos asistentes. A toda esta oferta, recollida en www.feiragalicia.com/silledapark, engádese asúa celebración nun amplo pavillón con climatización e servizo de restauración.

Comentarios
Lo más