Carmen Pomar reafirma o compromiso da Xunta coa investigación universitaria
Acaba de inxectar preto de 3,3 millóns de euros para avanzar no proceso de integración científica que teñen en marcha
Carmen Pomar, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, reuniuse onte cos líderes das sete Agrupacións Estratéxicas de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), nas que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de inxectar preto de 3,3 millóns de euros para avanzar no proceso de integración científica que teñen en marcha. A responsable de Educación mantivo un encontro de traballo cos equipos destas estruturas supragrupais, aos que lles transmitiu o compromiso da Consellería co obxectivo de afianzar un sistema de investigación de excelencia consolidado a longo prazo.
Das sete, tres revalidan a axuda as tres entidades creadas ao abeiro da convocatoria de 2015 (CRETUS, CICA-INIBIC e ECOBAS); mentres que as outras catro (AEMAT, CITACA, BioReDeS e A-CITEEC), polo que a conselleira tamén aproveitou para darlles á benvida ao sistema de investigación excelente de Galicia.
Cómpre lembrar que Galicia é a única Comunidade Autónoma do Estado que conta cunha liña de financiamento estable a grupos de investigación co obxectivo de despuntar en ámbitos de referencia investigadora. Para iso é fundamental construír unha estrutura de investigación forte mediante o aproveitamento de sinerxías que impulsen o potencial científico e tecnolóxico.
As agrupacións estratéxicas son estruturas organizativas de investigación cun nivel de agregación superior ao grupo de investigación que teñen por obxecto desenvolver unha actividade de investigación colaborativa estable e planificada con obxectivos propios, máis aló do ámbito local e a satisfacción das demandas do ámbito produtivo.