Os Populares denuncian a falta de información das axudas outorgadas a novas empresas na convocatoria de “Compostela Móvese” do ano 2017
Requírenlle ao Goberno que explique porqué as concesións de 2017 e de anos anteriores non se transparentan na Base de Datos Nacional de Subvencións do Ministerio de Facenda
Os Populares preguntarán no vindeiro Pleno por informacións que deberían ser públicas como cantas axudas a novas empresas se teñen outorgado ao abeiro da convocatoria de Compostela Móvese do ano 2017. Requírenlle ao Goberno de Martiño Noriega que explique a razón pola que as concesións de 2017 e de anos anteriores non se transparentan na Base de Datos Nacional de Subvencións do Ministerio de Facenda, como acontece con outras outorgadas polo Concello de Santiago.
Nas bases que rexen a convocatoria sinálase que “o procedemento se resolverá no prazo máximo de catro meses a partir da data límite de presentación de solicitudes” e que “para os efectos do previsto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no referente a publicidade, o Concello facilitará o soporte gráfico que publicite a concesión da subvención, soporte que deberá figurar polo prazo de un ano desde a concesión nun lugar visible da sede social da empresa e/ou reproducido na portada web vinculada á empresa”, é nada disto ten acontecido.
O pasado 19 de xuño presentábase, por parte da concelleira da área de Desenvolvemento Económico, a convocatoria de axudas “Compostela Móvese”, cunha liña dedicada a novas empresas, á que se destinan 80.000 euros con cargo aos orzamentos de 2017, para aquelas iniciativas que comezaran a súa actividade entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de maio de 2017.
A convocatoria destas axudas foi aprobada na Xunta de Goberno do 9 de xuño e publicada no BOP do 16 de xuño de 2017, sinalando as contías (3.000 euros con carácter xeral e 5.000 euros para cooperativas de traballo asociado ou sociedades laborais e os prazos para a presentación de instancias, que remataba o 14 de xullo de 2017, e de presentación da documentación na fase de xustificación que ía do 1 ao 31 de outubro de 2017.