Feridas catro persoas nunha colisión múltiple en Vigo
Sucedeu na AP-9V ao fío das 5:45 horas, concretamente no punto quilométrico 2,300
Catro persoas resultaron feridas esta mañá nun choque en cadea no que se viron implicados un total de oito vehículos en Vigo. Sucedeu na AP-9V ao fío das 5:45 horas, concretamente no punto quilométrico 2,300, no interior do túnel que se atopa antes da saída da Avenida Bos Aires.
Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a intensa sarabia que caeu nese momento na vía de circulación propiciou que os vehículos esvarasen e colidisen uns cos outros, o que provocou retencións ao longo de dous quilómetros.
Varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do ocorrido. Decontado, os xestores do CIAE-112 puxeron a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, do servizo de mantemento da vía, do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local e dos Bombeiros de Vigo.