miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os Populares requírenlle ao Goberno de Martiño Noriega que elabore un Plan Director para Guadalupe, Vite e O Romaño

Os Populares requírenlle ao Goberno de Martiño Noriega que elabore un Plan Director para Guadalupe, Vite e O Romaño
Foto de arquivo
Os Populares requírenlle ao Goberno de Martiño Noriega que elabore un Plan Director para Guadalupe, Vite e O Romaño

Neste documento habería que tomar como base as iniciativas aprobadas na actual lexislatura relacionadas coa mellora de accesibilidade, servizos e calidade ambiental


O Partido Popular de Santiago esixiralle ao Goberno de Compostela Aberta no vindeiro Pleno que se poña a traballar para levar a cabo unha mellora integral dos barrio de Vite, Guadalupe e O Romaño. Os Populares consideran que o equipo de Martiño Noriega debe redactar de forma inmediata un Plan Director coa principais actuacións a executar nestas zonas de Santiago.

Neste documento habería que tomar como base as iniciativas aprobadas na actual lexislatura relacionadas coa mellora de accesibilidade, servizos e calidade ambiental, para que sirvan de guía e referencia para os traballos que logo desenvolva o novo Goberno municipal que saia das eleccións municipais a celebrar o vindeiro ano.

Os Populares veñen recollendo numerosas queixas por parte dos representantes das asociacións veciñais e xa se presentaron varias iniciativas a este respecto. A situación adquire unha especial relevancia polo contraste que ofrecen moitas destas zonas en relación a outras moi próximas, onde desde hai anos se veñen desenvolvendo traballos para a modernización de infraestruturas, con renovación de equipamentos e servizos.

Tal é o caso da Avenida de Castelao ou Vista Alegre que foron obxecto dunha profunda transformación, en boa parte froito dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia que permitiu a mellora dos seus pavimentos e beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a dotación de mobiliario e obras de humanización.

Ás queixas pola situación denunciadas polos Populares sumáronse outros grupos da Corporación, facéndose eco das demandas veciñais, para que se actuase na iluminación, na limpeza, nas deficiencias no saneamento ou na mobilidade e accesibilidade de varias zonas neste ámbito, tal e como tamén denuncian con frecuencia os medios informativos, contando coa testemuña e o apoio dunha veciñanza preocupada e implicada na resolución destas carencias.

Comentarios
Lo más