miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Trail e a Andaina San Silvestre Lousame “Minas de San Finx” agardan superar os 400 participantes o domingo 30 decembro

O Trail e a Andaina San Silvestre Lousame “Minas de San Finx” agardan superar os 400 participantes o domingo 30 decembro
O Trail e a Andaina San Silvestre Lousame “Minas de San Finx” agardan superar os 400 participantes o domingo 30 decembro

A Andaina sairá unha hora antes para percorrer 14 quilómetros polos montes de Lousame e será solidaria coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva

O Concello de Lousame acollerá durante a mañá do próximo domingo 30 de decembro a segunda edición do Trail e da Andaina San Silvestre Lousame Minas de San Finx. Unha cita que xunta deporte, natureza, historia, patrimonio cultural e solidariedade; e que foi presentada onte pola alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, quen estivo acompañada polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero; o xerente de EME Sports, Ezequiel Mosquera; e o representante da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), Eduardo Agraso.

As inscricións tanto para a Andaina (6 euros) como para o Trail (13 euros) deberanse realizar a través da web www.emesports.es antes do martes 25 de decembro ás 23.59 horas. O custo dos dorsais inclúe seguros, avituallamento e un agasallo de recordo. O Trail ten as súas prazas limitadas a 500, mentras que a Andaina non conta con límite. Teresa Villaverde animou a veciños e visitantes a “desfrutar dunha actividade deportiva para a que o concello de Lousame reúne as características idóneas, pois permite tamén gozar da paisaxe e do noso rico patrimonio cultural e histórico. Sei que xa hai mais de 150 persoas inscritas, polo que agardamos superar a marca dos 400 participantes do ano pasado”. Así mesmo, fixo un chamamento tamén á participación na andaina solidaria con ASGPOH, “unha asociación que o merece por todo o traballo que está a facer e nada mellor que participar nunha actividade que combina a convivencia, a saúde, o deporte e a solidariedade”.

Eduardo Agraso, representante de ASGPOH, agradeceu a colaboración tanto do Concello de Lousame como do Club Lousame Deporte e animou á xente “a apuntarse o antes posible, pois iso axuda moito á organización do evento”. Unha proba que “é a oportunidade para rebaixar os excesos navideños e que conxuga deporte, cultura e solidariedade”, explicou. Novidade: trail curto e trail longo

O presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, explicou unha das principais novidades da proba deste ano: a posibilidade de participar nun Trail Corto de 16 quilómetros de dificultade media/baixa e un desnivel de +500 metros e un Trail Longo de 25 quilómetros, de dificultade media e un desnivel de +800 metros, ambos con saída nas minas de San Finx ás 11:00 horas do 30 de decembro e meta no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra.

“O nivel dos participantes non nos deixa de sorprender e veñen porque escoitaron falar moi ben do trail, o que é de agradecer, pero o mellor é que o poda facer todo o mundo”, conclúe Néstor Romero. Un punto que corroborou Ezequiel Mosquera, quen salientou que se están apuntando persoas de todos os puntos de Galicia e mesmo xa hai un par de participantes de fóra da comunidade autónoma. Así mesmo, destacou que o maior atractivo da proba son as paisaxes polas que discorre o trail e, sobre todo, as minas de San Finx. “A xente cansa do asfalto e veñen a Lousame a correr e a coñecer unha parte da historia de Galicia como son as minas de Wolfram”, explicou Mosquera, quen engadiu que “a paisaxe, a organización, as minas e todo o que hai detrás fan que esta proba poida converterse nun referente en Galicia e ter moito percorrido”.

A recollida de dorsais realizarase no pavillón municipal a partir das 08:00 horas do domingo 30 de novembro. Dende alí, os participantes na Andaina e no Trail serán trasladados en bus ata o punto de saída nas minas de San Finx da man de Autos Comparado, patrocinador da proba. A Andaina partirá ás 10:00 horas para percorrer un circuíto de 14 quilómetros totalmente diferente á primeira edición (por Aldeagrande, Filgueira, Maxide, Marracín, Berrimes, Portobravo e Cruído) e que só compartirá un primeiro tramo de saída co Trail, de forma que as persoas participantes en ambas probas non se cruzarán.

Aproveitando a celebración das dúas probas, o Centro de Interpretación das Minas de San Finx estará aberto o sábado 30 de decembro. Así, todos os interesados en participar nunha visita guiada ou en percorrer as súas instalacións de xeito gratuíto poderán facelo durante toda a xornada.

Un día antes, o sábado 29 de decembro, ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá a charla formativa O mundo do trail-running, presentada polo xornalista Terio Carrera. Unha xornada na que participarán Aroa Sío Recknold, Samuel Saborido Soñora, Luís Calvo Castro e unha cuarta corredora aínda por confirmar que responderán ás dúbidas que a xente teña sobre esta modalidade deportiva.

Comentarios
Lo más