PASEARTE enche de arte contemporánea un cento de escaparates do Ensanche
Talleres familiares, intervencións en vivo e visitas guiadas complementan a mostra, que se pode visitar ata o 5 de xaneiro paseando polas rúas e comercios da zona moderna
Preto dun cento de comercios do Ensanche de Compostela participan na segunda edición de PASEARTE, a Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago. Santiago Centro, Área Comercial organiza a acción en colaboración coas galerías Luisa Pita, Nordés, Metro, Federica no era Tonta e Trinta, e co patrocinio de Jael Joyería, Grupo Ulla e Quatrium Inmobiliaria. PASEARTE presentouse onte nunha rolda de prensa á que asistiron o director xeral de Política Cultural da Xunta, Anxo Lorenzo; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; e José María Fernández, presidente da Fundación Santiago Centro.
PASEARTE é unha mostra que busca achegar á cidadanía o traballo de artistas e galeristas, ao tempo que atrae ao público ao Ensanche compostelán nunhas datas, as do Nadal, especialmente importantes para o comercio local. O comisario da mostra é Javier Blanco Lado, que foi o encargado de integrar as obras de arte nos escaparates, en colaboración con establecementos e galerías. Nesta edición son 90 as obras que se amosan, creadas por 60 artistas entre os que se atopan nomes de tanta relevancia como Vari Caramés, Din Matamoro, Antonio Rábago El Roto, Alejandra Atarés, Dario Basso, Joseba Muruzábal, Pierre Loiuis Geldenhuys ou Pamen Pereira.
“Para nós é un orgullo e un feito diferencial que proxecta prestixio e unha imaxe renovada do Ensanche e, por extensión, de toda a cidade”, afirmou José Ma Fernández, presidente de Santiago Centro. Fernández apuntou que PASEARTE “usa os escaparates e as rúas como espazo expositivo aberto e accesible a todo o mundo”. O evento, apuntou, quere “introducirse na axenda cultural de Galicia e favorecer tanto ás galerías como ao pequeno comercio”. Neste sentido, dixo, “a arte nos escaparates dá valor aos comercios nestas datas tan importantes, e os comercios damos valor á arte poñéndoa á disposición do gran público”.