Ames recolle en Córdoba o Premio Progreso da Federación Andaluza de Municipios e Provincias polo proxecto Concili@mes
Ames recibiu o Premio Progreso polos seus programas de conciliación como reclamo poboacional na categoría de Educación
O Salón de Actos da Deputación de Córdaba acolleu este luns a gala de entrega de premios da XI Edición do Premio Progreso, na que o Concello de Ames foi recoñecido na categoría de educación polos seus programas de conciliación como reclamo poboacional. Ao acto acudiron Luísa Feijóo, Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e Rosalina Martínez, nutricionista municipal, que foron as encargadas de recoller o galardón.
A FAMP, Federación Andaluza de Municipios e Provincias, e o FUDEPA, Fundación para o desenrolo dos pobos de Andalucía, recoñeceron co Premio Progreso o programa desenvolto polo Concello de Ames Concili@mes . Este recoñecemento, para o que o proxecto foi seleccionado entre outras 13 iniciativas presentados á categoría de Educación, débese ao carácter práctico do programa e ao beneficio social directo que produce na cidadanía, que o leva a exercer como reclamo poboacional evidente nun municipio cunha poboación maior a 20.000 habitantes.
A esta edición presentáronse un total de 113 proxectos, cunha gran presenza de traballos de entidades e organismos públicos de fóra da comunidade autónoma de Andalucía. Con este premio, a Federación Andaluza de Municipios e Provincias destaca o papel dos Concellos no benestar da cidadanía, de aí que se queira recoñecer e impulsar aquelas iniciativas máis orixinais e innovadoras que repercutan de xeito directo na cidadanía e sirvan de modelo para outros Concellos. Así, os obxectivos do Premio son establecer un foro idóneo para o intercambio de experiencias e boas prácticas entre os Concellos e Organismos públicos que contribúan ao benestar das cidades e pobos.
O proxecto Concili@mes foi presentado como un programa que repercute no crecemento poboacional, describíndose con detalle os numerosos beneficios das políticas de conciliación que se están levando a cabo no Concello de Ames, concibidas como un servizo de calidade que ademais leva aparellado un proxecto educativo. O xurado do Premio valorou moi positivamente o aspecto municipal do proxecto, así como o carácter educativo e formativo en materia de hábitos saudables dos programas de Bos días cole, Comedores escolares e Tardes divertidas. Desde o Concello deuse conta do carácter nutricional e de hábitos saudables co que conta o programa, o cal foi outro dos puntos destacados por parte do xurado.
Entre os diferentes aspectos analizados, un dos máis destacados e de maior peso na concesión do Premio foi o carácter innovador do Concili@mes á hora de apostar por un servizo de calidade, que ademais de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, tamén aposta pola educación en hábitos saudables. A realización de menús saudables con produtos frescos e de temporada mercados no pequeno comercio local, e a posibilidade de afrontar as diferentes intolerancias e alerxias alimentarias que se dan entre os usuarios/as, foron aspectos moi valorados na designación do Premio.