Manuel Gallego Jorreto e Carlos Puente conversarán sobre as obras de Alejandro de la Sota, arquitecto homenaxeado este ano no Día das Artes Galegas
A charla, moderada polo arquitecto Carlos Quintáns, celebrarase ás 19:00 horas na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia en Santiago
O Colexio de Arquitectos de Galicia organiza hoxe unha Conversa de Manuel Gallego vs Carlos Puentes, titulada Lembranzas de Alejandro de la Sota e moderada polo arquitecto Carlos Quintáns. A charla celebrarase ás 19:00 horas na sede colexial en Santiago.
A conversa organízase con motivo da celebración do Día das Artes Galegas, dedicado en 2018 ao arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, unha efeméride a cargo da Real Academia Galega de Belas Artes. O Colexio de Arquitectos de Galicia colaborou tamén nesta homenaxe organizando ao longo do ano a exposición itinerante sobre as obras e o pensamento arquitectónico de Alejandro de la Sota, coa colaboración da Real Academia Galega de Belas Artes e con fondos documentais cedidos pola Fundación Alejandro de la Sota. A mostra Alejandro de la Sota 1913-1996 está composta por oito prismas, recolle espazos de habitar, industriais, deportivos, civís, educativos e deseños de mobiliario do arquitecto.
Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996) foi un dos arquitectos españois mais prestixiosos e recoñecidos do seu tempo. A súa arquitectura, desde os seus inicios na profesión, enlaza co pensamento máis avanzado do Movemento Moderno europeo.