miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O BNG: “A responsabilidade de que se prorroguen os Orzamentos será exclusiva de Compostela Aberta”

O BNG: “A responsabilidade de que se prorroguen os Orzamentos será exclusiva de Compostela Aberta”
Foto de arquivo
O BNG: “A responsabilidade de que se prorroguen os Orzamentos será exclusiva de Compostela Aberta”

Asegura que o Goberno de Noriega non tivo vontade de chegar a acordos

Do extracto dos Orzamentos que lle trasladou o Goberno de Compostela xusto antes da súa presentación pública, a portavoz municipal Goretti Sanmartín advertiu de que “a responsabilidade de que se prorroguen os Orzamentos será exclusiva de Compostela Aberta porque desta vez non tivo vontade de chegar a acordo necesario” para aprobalos sen ter maioría absoluta.

O BNG, dende a oposición, sempre mantivo “unha postura construtiva” a respecto da negociación dos Orzamentos municipais. "Tanto co PP como con CA sempre tivemos unha predisposición real a dialogar, acordar e sacar adiante proxectos e actuacións que foran positivas para Santiago e para a súa veciñanza”, explicou Rubén Cela. “Para nós, o debate orzamentario é o máis importante do ano e actuamos en consecuencia, abordándoo con seriedade e rigor e sempre antepondo os intereses da veciñanza e de Santiago aos nosos como forza política que está na oposición”, engadiu.

O BNG encarou o proceso de negociación con Compostela Aberta coa mesma predisposición ao diálogo que das veces anteriores. Mais antes de falar das propostas para o orzamento de 2019 puxo dúas condicións previas que manifestou nas dúas únicas reunións que mantivo até hoxe (17 de setembro e 11 de outubro); que se cumprisen os compromisos adquiridos na negociación para a aprobación das contas nos anos anteriores e que, ademais de falar dos gastos, se tratasen os ingresos a través do debate das ordenanzas fiscais. Mais Compostela Aberta non cumpriu ningunha das dúas.

O Goberno de Martiño Noriega “negouse tallantemente” a dar o debate da modificación das ordenanzas fiscais e voluntariamente volveranas prorrogar como nos exercicios anteriores e, polo tanto, renunciarán á aplicación de políticas sociais mediante esa vía, coa posibilidade de “ampliar exencións e bonificacións en impostos públicos para as persoas que o están a pasar peor”, explicou.

Compostela Aberta sostén que cumpriron os compromisos co BNG “nun grao moi satisfactorio”, cuestión coa que o BNG discrepa radicalmente. “É certo que grazas á negociación do BNG conseguimos algunhas cousas importantes, contribuíndo a facer uns orzamentos mellores dos que presentaba CA en solitario”, como as novas instalacións para a Escola Municipal de Música, o acondicionamento da zona onde se realizou o Banquete de Conxo, a duplicación das bolsas para comedores, a recuperación do Premio Xohana Torres e os proxectos do parque de skate do parque das Hortas, que veñen de anunciar.


“Esas obras non estaban previstas nos orzamentos de CA, se se fixeron, foi polo empuxe e negociación do BNG”, afirmou Rubén Cela. “Nese sentido, cremos que foi positivo”, sinalou, “porén, non é menos certo que ficaron un número de cousas que para nós eran claves como o aparcadoiro público para o Ensanche, a nova cuberta da piscina de Sar, a inspección de servizos externalizados, os impostos á carta, o programa piloto de actividades extraecolares municipal, os paneis de comunicación social, o Plan Especial Brañas do Sar ou os parques infantís cubertos.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín destacou que “tal e como se produciron os feitos é imposíbel que o BNG vote a favor desta proposta de orzamentos”. Compostela Aberta non tivo “unha vontade real de chegar a acordos”, destacou. “Se finalmente o Concello de Santiago ten que prorrogar o Orzamento, será responsabilidade exclusiva de Compostela Aberta”.

Comentarios
Lo más