A xerencia sanitaria de Santiago pon en marcha o servizo de hospitalización a domicilio en Lalín
Atenderá doentes derivados dos servizos hospitalarios como de atención primaria da capital do Deza
A xerencia sanitaria de Santiago amplía a súa carteira de servizos coa creación dunha unidade de Hospitalización a Domicilio con base no concello de Lalín. Onte foi presentado o persoal que atenderá este novo servizo, que nunha primeira fase dará cobertura ás preto de 19.000 persoas con Tarxeta sanitaria do Concello de Lalín e posteriormente irase ampliando.
As unidades de hospitalización a domicilio xorden como unha opción asistencial que oferta aos pacientes uns coidados e servizos de calidade técnica semellante aos recibidos no propio hospital pero que teñen un matiz diferente ao prestar a asistencia sanitaria na propia contorna familiar.
A hospitalización a domicilio persegue basicamente dous obxectivos: por unha banda, culminar o proceso de enfermidade do paciente no seu fogar, para o que se adianta a súa saída do hospital cando non se precisan de forma permanente e ineludible todos os medios do hospital e a evolución do enfermo nos días precedentes encamíñase de maneira clara cara á recuperación, e, por outro, evitar estancias hospitalarias innecesarias, incrementando a capacidade de prestación de servizos do hospital.
A derivación de pacientes pódese facer desde os diferentes servizos do CHUS ou desde Atención Primaria de Lalín. A valoración de pacientes susceptibles de ingreso en HADO realizarase, a través de interconsulta, desde calquera servizo hospitalario e serán os facultativos de HADO os encargados de valorar o cumprimento dos criterios de ingreso, que ademais do criterio clínico ten que figurar a aceptación do paciente e/ou a súa familia, contar cun informe sociofamiliar positivo e que haxa dispoñibilidade dun coidador para colaborar nos coidados do paciente.