miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Deputación da Coruña creará un espazo de coworking especializado no sector agrogandeiro en Brión

A Deputación da Coruña creará un espazo de coworking especializado no sector agrogandeiro en Brión
A Deputación da Coruña creará un espazo de coworking especializado no sector agrogandeiro en Brión


O centro, pioneiro en Galicia, ubicarase na área comercial Monte Balado e destinarase a emprendedores relacionados co sector primario


Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e José Luís García, deputado de Promoción Económica e Emprego e alcalde de Brión, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para a creación neste concello dun dos centros de coworking que integrarán a nova Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo. O proxecto suporá un investimento de 213.266,86 euros, dos que o 74,4% serán achegados directamente pola Deputación a través dos fondos da liña de apoio aemprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende). 

Con estes fondos, adaptarase e equiparase un espazo da área comercial Monte Balado para que poida acoller un ambicioso proxecto que contribuirá á mellora e modernización do sector primario na zona. Este espazo será pioneiro en Galicia e a súa actividade principal será a transformación de alimentos do sector primario (hortalizas, conservas vexetais, zumes, cogomelos, cereais, marmeladas, carnes, embutidos, doces, produtos de panadería, etc.) de productores locais dos municipios da comarca de Santiago.

O espazo contará cunhas instalación específicas para todo o proceso de transformación e contará co seu propio rexistro sanitario. O proxecto de Brión é un alento importante para as pequenas explotacións agrogandeiras da comarca de Santiago, pois suporá un aforro de custos importante para os produtores locais xa que contribuirá notablemente á sostenibilidade e viabilidade futura das súas explotacións.

Brión pasa así a formar parte, xunto con Oleiros, Carballo e Boiro, do grupo de concellos que conforman o embrión da futura Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo, que aglutinará tanto espazos xa existentes coma de nova creación, independentemente da súa tipoloxía nos que se ubicarán iniciativas emprendedoras dun sector determinado.

“Os centros serán de ámbito comarcal e a súa finalidade será axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona da provincia. O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha das súas ideas de negocio, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Coa creación desta Rede, a área de Promoción Económica e Emprego da Deputación pretende establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración comúns para a prestación de servizos de apoio ás empresas e emprendedores, que estará dotada con recursos suficientes para que estes servizos sexan eficientes e de calidade.

Comentarios
Lo más