O Concello de Lousame convoca 20 prazas para o "Lousame Concilia"
Trátase dun programa de conciliación familiar que se convoca conxuntamente para os tres próximos períodos de vacacións escolares do ano: Nadal, Entroido e Semana Santa
Hoxe ábrese o prazo de inscrición no Lousame Concilia, programa de conciliación familiar que se convoca conxuntamente para os tres próximos períodos de vacacións escolares do ano: Nadal, Entroido e Semana Santa. As familias poderán optar por anotarse nun, dous ou nos tres períodos ofertados. Unhas inscricións que deberán formalizar nos Servizos Sociais de Lousame entre o 11 e o 17 de decembro.
O Lousame Concilia é un servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 12 anos que terá lugar durante os días laborables dos períodos de vacacións escolares, en horario de 9:30 a 14:30 horas, nas instalacións do CPI Cernadas de Castro. O Concello de Lousame convoca 20 prazas para os próximos tres períodos vacacionais: Nadal (24, 26, 27, 28 e 31 de decembro; e do 2, 3, 4 e 7 de xaneiro), Entroido (do 4 ao 6 de marzo de 2019) e Semana Santa (do 15 ao 17 de abril).
Para anotarse, as familias só terán que cubrir e asinar o correspondente impreso de solicitude (que poden descargar da web do Concello) e presentar a última nómina ou recibo de persoas autónomas para acreditar a situación laboral puntuable. Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello de Lousame outorgará 3 puntos a todos os menores empadroados en Lousame cunha antigüidade mínima dun ano. Así mesmo, daranse 2 puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados e 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe. Tamén se outorgará 1 punto aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar.
En caso de empate na puntuación, aplicarase a orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello de Lousame. Así mesmo, dende Servizos Sociais lembran que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos ao Lousame Concilia en datas concretas, sempre que queden prazas vacantes. Para iso é preciso chamar ao 609 828 853 para reservar a praza.