Evacúan a cinco persoas nun incendio declarado nunha vivenda en Ourense
Ao fío das 22:00 horas da noite pasada, unha particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que ardía algo no seu piso e que había moito fume
Cinco persoas foron trasladadas a causa dun incendio producido nunha vivenda dun edificio situado na rúa do Greco, na cidade de Ourense.
Os cinco habitantes do edificio, dous deles da vivenda afectada, foron trasladados polos servizos sanitarios de urxencia con síntomas de intoxicación, debido ao fume que provocou o lume.
Ao fío das 22:00 horas da noite pasada, unha particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que ardía algo no seu piso e que había moito fume. Así, con estes datos, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros da cidade e solicitaron a colaboración dos axentes da Policía Local. Tamén, tras indicar o alertante que unha persoa podía precisar asistencia sanitaria, informaron da situación ao 061-Urxencias Sanitarias.
Unha vez extinguido o lume e evacuados os afectados, os membros de extinción confirmaron que ardeu unha habitación na súa totalidade, véndose afectado polo fume, o resto da vivenda e todo o edificio.