Os Reis Magos suben ao bus real en Ribeira para promocionar o transporte público
Os Reis Magos repartirán caramelos e sortearán un agasallo entre os nenos e nenas que asistan a velos en cada parroquia
O próximo 5 de xaneiro, as Súas Maxestades de Oriente chegarán a Ribeira en autobús e percorrerán todas as parroquias. Así se anunciou o pasado mércores no Malecón cun acto no que o alcalde Manuel Ruiz e a concelleira de Cultura Herminia Pouso, xunto a Manuel Ferrín e Eduardo Figueiras en representación do Grupo Ferrín, deron conta da novidosa iniciativa.
Así, no citado sábado día 5 Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán as parroquias a bordo do Bus Real utilizando a tarxeta MOVe coa fin de promocionar o uso do transporte urbano. A este respecto, o rexedor municipal informou de que máis de 14.000 persoas utilizaron a devandita tarxeta no pasado mes de novembro, superando todas as expectativas.
Os Reis Magos repartirán caramelos e sortearán un agasallo entre os nenos e nenas que asistan a velos en cada parroquia. O itinerario –que precederá á Cabalgata que arrancará ás 18 horas na cidade– será o seguinte.
- Porto de Palmeira, ás 10:00 horas.
- Centro Social de Oleiros, ás 11:00 horas.
- Casa da Cultura de Olveira, ás 11:45 horas.
- Porto de Corrubedo, ás 12:30 horas.
- Centro Recreativo de Artes, ás 13:15 horas.
- Capela da Guía, Carreira, ás 14:00 horas.
- Aula de Música de Aguiño, ás 16:30 horas.
- Porto de Castiñeiras, ás 17:15 horas.
O Bus Real, panelado con motivos navideños e que estivo presente hoxe no acto de Malecón, circulará polas nosas rúas e estradas xa dende hoxe ata o día da Cabalgata tanto no servizo de transporte público como no escolar.