miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Comenzan as obras do edificio Fontan na Cidade da Cultura

Comenzan as obras do edificio Fontan na Cidade da Cultura
Comenzan as obras do edificio Fontan na Cidade da Cultura

O Fontán, que culmina o proxecto da Cidade da Cultura, acollerá servizos transversais para as tres universidades e o futuro CEIPAC

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González, anunciou onte que as obras para a construción do Edificio Fontán, na Cidade da Cultura de Galicia, comezarán o próximo luns, cumprindo así co calendario establecido que prevé a súa finalización no último trimestre de 2020 e a súa posta en marcha no Xacobeo 2021.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que visitou na Cidade da Cultura a estrutura sobre a que se edificará o Fontán, asegurou que a UTE formada por Acciona e San José estivo “traballando estas semanas no plan de seguridade e protección e na instalación do centro de traballo e que todo está xa listo para que de comezo a construción”.

Na súa visita ao Gaiás, o conselleiro lembrou que a construción do Fontán coincide cos traballos para conectar a Cidade da Cultura coa Autopista do Atlántico (AP-9), enlace que se atopa xa moi avanzado. “Suporá un antes e un despois para o Gaiás ao ter una entrada directa á principal arteria de comunicación de Galicia”, asegurou o titular de Cultura e Turismo. Ao mesmo tempo, subliñou que se está a avanzar no Xardín do Teatro, que dará unha solución paisaxística ao baleiro deixado polo Teatro da Música, e que estará listo na próxima primavera.

O Fontán, edificio que acollerá servizos transversais para as tres universidades e un centro de estudo con temática vencellada ao Camiño de Santiago, foi adxudicado en outubro nun concurso público a UTE formada por Acciona e San José por 14.784.924 euros, cantidade que supón unha rebaixa de 2,2 millóns respecto ao importe de licitación -17 millóns-.

As empresas adxudicatarias garanten que estará rematado nun prazo seis meses inferior ao previsto: 24 meses fronte a 30; este rebaixa do tempo permitirá que estea finalizado no último trimestre de 2020 e operativo no 2021, ano do Xacobeo.

AFORRO DE CUSTES

Fronte aos 14,78 millóns que custará edifica o Fontán no Gaiás, estímase que a súa construción noutro emprazamento ascendería a 30 millóns. As razóns obedecen a que, ademais de evitar a adquisición dun solar con capacidade e equipamento para unha infraestrutura destas características, o edificio aproveitará a estrutura xa construída para o Teatro da Ópera, un do edificios incluídos no proxecto inicial do Gaiás e non levados a cabo.

Por outra banda, aproveitaranse as infraestruturas enerxéticas, de gas, climatización, fibra, seguridade e aparcadoiros xa existentes no Gaiás, ademais de beneficiarse da conexión directa coa AP-9 que estará rematada en 2019.

Este proxecto acollerá tres centros destinados á integración do Sistema Universitario de Galicia. Por unha banda, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, cuxo obxectivo será garantir que a docencia, a investigación, a xestión e a transferencia do coñecemento se encamiñen cara á excelencia. 

En segundo lugar, o novo Consorcio Interuniversitario de Galicia, que será o centro neurálxico da xestión conxunta das tres universidades, centralizando os servizos bibliográficos, a organización das probas de acceso á educación superior, e o desenvolvemento de programas informáticos que melloren a organización. 

En terceiro lugar, o futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (CEIPAC), que dotará Galicia do primeiro centro de investigación de España consagrado ao estudo da paisaxe, dos itinerarios culturais e do patrimonio cultural e que funcionará como observatorio permanente do Camiño de Santiago.

No eido da sustentabilidade, cómpre subliñar que a obra compartirá os gastos enerxéticos co resto dos edificios e maximizará o uso de luz natural. Será funcional porque contará co auditorio con máis prazas de toda a Cidade da Cultura, con capacidade para 750 persoas e divisible en tres salóns de actos; ademais de dispoñer, na azotea do último piso, dun xardín cuberto con fachadas abertas, que tamén poderá ser empregado como espazo museístico.

E flexible porque está concibido para que os seus espazos poidan reorganizarse en función das necesidades que vaian xurdindo no futuro.

Comentarios
Lo más