miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Licitada a actuación para instalar unha plataforma única en sendos tramos das rúas Rosalía de Castro e de Lugo

Licitada a actuación para instalar unha plataforma única en sendos tramos das rúas Rosalía de Castro e de Lugo
Licitada a actuación para instalar unha plataforma única en sendos tramos das rúas Rosalía de Castro e de Lugo

O investimento que se prevé na execución desta obra, financiada co remanente de tesourería, ascende a 244.093 euros

O Concello acaba de sacar a licitación a actuación destinada á instalación de plataforma única en dous tramos do centro urbano de Riveira: un situado na rúa Rosalía de Castro e outro na rúa Lugo, perpendicular ao anterior.

O investimento que se prevé na execución desta obra, financiada co remanente de tesourería, ascende a 244.093 euros, IVE incluído, e ten por obxecto continuar o proceso de humanización da cidade e mellorar a accesibilidade, cun cambio de xerarquía no que os peóns gañen en prioridade respecto aos vehículos a motor.

Así, conforme ao proxecto técnico elaborado polos servizos municipais, no que se refire a Rosalía de Castro a actuación abrangue entre a confluencia con Marcial del Adalid e o entronque co actual tramo peonil de Rosalía de Castro [é dicir, ata a altura da antiga Sanyg]. En canto á rúa de Lugo, comprenderá entre a praza do Concello e a encrucillada con Cristóbal Colón.

TRES MESES

En ambos casos, o aglomerado da calzada será substituído por un pavimento de formigón semipulido intercalado con franxas transversais formadas por lousas de granito de 60x40x8, en tanto que as beirarrúas serán de granito silvestre de 60x40x4. Dáse continuidade así aos materiais empregados na parte inferior de Rosalía de Castro.

O prazo de execución da obra son tres meses e as empresas interesadas en presentar ofertas dispoñen de prazo ata o 19 de decembro.

Cómpre lembrar que a principios deste ano houbo unha reunión con veciños e comerciantes da zona afectada coa intención de explicar o proxecto de humanización. A circulación de vehículos seguirá estando permitida pero serán eliminadas prazas de estacionamento que xa foron compensadas amplamente cos novos aparcadoiros próximos de Abesadas e Monumento.

Por outra parte, o alcalde reunirase co colectivo de taxistas nas próximas datas coa fin de decidir a súa futura ubicación.

Comentarios
Lo más