miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea presenta en Afundación a vangarda mundial

A Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea presenta en Afundación a vangarda mundial
A Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea presenta en Afundación a vangarda mundial

A exposición poderá visitarse do 4 de decembro de 2018 ao 10 de marzo de 2019

Afundación, la Obra Social de ABANCA, acolle desde hoxe e ata o 10 de marzo de 2019 na súa sede de Santiago de Compostela a segunda edición da «Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea» na que se presentan máis de 200 obras de artistas recoñecidos nacional e internacionalmente. A exposición conta coa colaboración da Xunta de Galicia e no proxecto participa tamén o Concello de Santiago. 

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, a comisaria da mostra, Matilde Rodríguez e Santiago Berdullas, CEO de Kappowsky, a empresa que deseñou a APP da exposición, presentaron esta mañá o proxecto en rolda de prensa. A mostra abrirase ao público esta tarde cunha visita guiada ás 19:00 horas por parte da comisaria do proxecto na que estarán tamén varios dos artistas que participan no mesmo.

A MOSTR

O uso visual da cor, a representación subxectiva da natureza e o universo feminino son os tres conceptos xerais sobre os que pivota esta segunda edición da «Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC)», que presenta por segundo ano consecutivo en Santiago de Compostela o que se está a facer dentro da área da ilustración de vangarda a nivel mundial.

Un total de 19 proxectos ilustrados, 16 individuais e 3 colectivos, estruturan esta nova edición que se centra nas obras máis persoais, resaltando o valor artístico que a ilustración ten como medio de expresión de moitas creadoras e creadores contemporáneos, o que a constitúe como unha das ramas da comunicación máis libres e imaxinativas que existen. Un elemento que, ademais, admite un amplo abano de técnicas e que está en constante evolución. 

Serigrafías, collages, cerámicas, videoclips, risografías, creacións dixitais, esculturas ou instalacións conceptuais son algúns dos formatos que se poden ver na mostra e que conforman o claro exemplo do alto grao de creatividade, experimentación e dinamismo que acolle a arte da ilustración actual. Así, destaca a presenza de creadores tan influentes como Christoph Niemann ou María Hesse, obras como a instalación de Héctor Francesh feita con lápices, ou unha selección colectiva que inclúe a artistas premiados no festival de ilustración de Londres ( ELCAF). E é, á vez, unha plataforma de difusión de novos creadores, que dialogan no proxecto con artistas consagrados.

Esta selección ilustrada presenta tamén o que se está facendo en Galicia, onde existe unha destacable xeración de artistas que marcan tendencia tanto dentro como fose do país. Laralars, Iria do Castelo ou Bea Lema son algunhas das artistas escollidas para esta edición.

Máis de 200 pezas articulan o percorrido dunha mostra que ten no debuxo e o uso da cor o seu fío condutor, destacando a representación do mundo circundante a través dunhas ilustracións nas que subxace, de maneira máis ou menos explícita, unha crítica á sociedade actual.

Comentarios
Lo más