Ferida de gravidade unha muller tras un accidente de tráfico a Malpica
Pouco despois os servizos de emerxencias comprobaron que se trataba do fume do radiador do coche, pero non había indicios de incendio
Unha muller resultou ferida grave como consecuencia dun accidente de tráfico rexistrado na estrada de Malpica a Carballo, concretamente na parroquia malpicá de Cerqueda.
Sucedeu pasadas as nove desta mañá, cando un particular chamou ao 112 Galicia por mor dun coche que se saíu da vía e unha muller tendida na calzada con diversas lesións. Tamén apuntou á posibilidade de que o coche comezase a arder debido a un fume que saía pola parte dianteira.
Pouco despois os servizos de emerxencias comprobaron que se trataba do fume do radiador do coche, pero non había indicios de incendio.
Pola súa banda, os profesionais sanitarios atenderon á muller, que presentaba lesións importantes nos brazos e nas pernas.
Co fin de descartar máis feridos, os equipos de emerxencias revisaron arredor do vehículo e, de momento, non localizaron máis ocupantes.
Cómpre sinalar que neste operativo participaron os Bombeiros de Carballo, membros do GES de Ponteceso, voluntarios de Protección Civil de Malpica e axentes da Garda Civil e da Policía Local.