A plataforma DAFIS presenta unha nova versión no curso de formación para 38 profesores celebrado en Santiago
En setembro, a plataforma foi recoñecida pola OMS como o mellor exemplo de boas prácticas para toda Europa para a promoción da Actividade Física no ámbito escolar
A Secretaría Xeral para o Deporte, da man da Fundación Deporte Galego, vén de levar a cabo o X Curso de Formación de Datos de Actividade Física Saudable (DAFIS) no que participaron un total de 38 profesores de Educación Física dos centros educativos participantes no Plan Proxecta.
O obxectivo deste curso ligado ao Plan Galicia Saudable é que os docentes coñezan a plataforma dixital de valoración da condición física saudable DAFIS e o seu vencello cos proxectos de vida activa en centros educativos, que coñezan tamén os protocolos e tests propostos para a valoración da condición física saudable nos centros educativos a través da plataforma dixital DAFIS, así como o establecemento dun novo modelo de implantación da plataforma DAFIS, a nivel dos concellos galegos.
Aproveitando este novo curso de formación para profesores, a Secretaría Xeral para o Deporte presentou a remodelación actualización da nova versión da plataforma DAFIS. A nova plataforma facilita o rexistro de datos e mellora tanto a xestión como a análise dos resultados.
O rexistro permite obter os valores medios das probas da poboación galega en idade escolar, permitindo aos usuarios comparar os seus resultados cunha a media obtida por unha poboación de referencia real e próxima.
Ao longo destes anos DAFIS ten demostrado ser unha plataforma útil para o seguimento da evolución da condición física saudable do alumnado de Educación Primaria e Secundaria en Galicia, así como a evolución do IMC da poboación escolar avaliada, podendo establecer correlacións entre ambos parámetros.
Desde a súa creación DAFIS ten realizado máis de 16.500 valoracións (16.554) a máis de 10.500 nenos e nenas (10.560).
DAFIS é unha plataforma cun gran potencial para a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade infantil; unha ferramenta que mellora a saúde da nosa poboación a través da práctica regular de actividade física, exercicio físico e deporte.