As novas liñas de autobús que prepara a Xunta recollen as valoracións dos usuarios do transporte público
Informa de que a primeira fase do Plan, que se puxo en marcha en agosto de 2017, propiciou un incremento de viaxeiros do 2,5% pese ao contexto xeral de descenso de usuarios
A Xunta de Galicia renovará o vindeiro ano o conxunto das liñas de autobús regular de pasaxeiros, elaborando un novo mapa de servizos baseado na información achegada por un intenso traballo de campo desenvolvido nos últimos meses. Nese labor foron consultados todos os concellos galegos, os centros educativos e sanitarios do país e foron realizadas, ademais, 25.000 enquisas a cidadáns.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presentaron hoxe en rolda de prensa as liñas básicas do Plan de transporte público de Galicia, que foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado xoves e que comezará a implantarse no ano 2019.
Ethel Vázquez enfatizou a vontade do Goberno galego de acometer esta renovación do sistema da man do sector e tendo moi en conta un tecido empresarial con gran presenza de pequenas e medianas empresas.
Na súa intervención, a conselleira explicou que a Xunta de Galicia quere aproveitar a próxima caducidade das concesións de transporte público para deseñar un modelo de mobilidade máis útil para os cidadáns, sostible desde o punto de vista ambiental e eficiente desde a perspectiva empresarial. Lembrou que os actuais contratos proceden en gran parte de mediados do século pasado, polo que cómpre adaptar os servizos á realidade galega de hoxe en día.
Coa experiencia da primeira fase
Ethel Vázquez apuntou que xa en 2017 foi necesario iniciar esa renovación en parte do territorio galego, para evitar que, especialmente, as provincias de Lugo e Ourense quedaran sen transporte público ante a renuncia das empresas a manter as súas concesións.
Nese marco e “para evitar que Galicia quedase nin un só día sen transporte público”, artellouse o deseño da renovación das liñas afectadas, garantindo o emprego no sector grazas a un acordo de referencia asinado cos sindicatos, e introducindo modalidades novidosas para a prestación dos servizos: dunha banda, o transporte baixo demanda, que fai que algúns autobuses saian ou paren en determinados puntos só cando se saiba que vai haber usuarios; e o autobús compartido, que permite aproveitar as prazas baleiras do transporte escolar, evitando que vehículos medio baleiros circulen polas estradas e mellorando as posibilidades de mobilidade da poboación do rural. E iso con plenas garantías para os estudantes, cuxa atención blindouse como prioritaria.
A conselleira puxo en valor as importantes melloras introducidas no sistema de transporte público por esta primeira fase implantada en agosto de 2017. Así, detallou que incrementou nun 37% o número de quilómetros percorridos polos autobuses e o número de liñas elevouse ata 800, atendendo a zonas polas que antes non pasaba o autobús.
Tendo en conta que os contratos foron adxudicados primando os criterios de calidade, melloraron os servizos aos usuarios e se modernizaron os vehículos, gañando en seguridade e accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
Ademais, déronse garantías de continuidade aos traballadores e se incrementou nun 33% o número de acompañantes escolares, asegurando a súa presenza en cada ruta de transporte compartido.
Así mesmo, púxose en marcha a plataforma informativa “bus.gal” e se activou unha central de chamadas para o transporte baixo demanda.
A modo de balance, Ethel Vázquez subliñou que esa primeira fase do Plan propiciou un incremento de viaxeiros do 2,5%, pese ao contexto xeral de descenso de usuarios e desde entón, se puideron aproveitar máis de 200.000 prazas baleiras dos autobuses escolares e se atendéronse 3.000 solicitudes de transporte baixo demanda.
Traballo de campo
A conselleira de Infraestruturas relatou que o inxente traballo de campo realizado para o desenvolvemento do Pan de transporte público serviu tamén para testar o funcionamento da primeira fase. A conclusión é que 3 de cada 4 cidadáns consultados valoran positivamente os servizos de autobús compartido e baixo demanda, e que a consideración do transporte público é máis favorable nas zonas nas que máis impacto tivo o inicio da renovación do sistema desde agosto de 2017.
Ese traballo será empregado para deseñar un novo mapa de liñas de autobús adaptado ás necesidades da Galicia do século XXI. Consultáronse todos os concellos –agás un, que non quixo participar-, analizáronse os centros de atracción de persoas e fixéronse enquisas a colectivos diversos: usuarios, persoal sanitario que organiza citas médicas, profesores, alcaldes, etc.
Coa información achegada por ese traballo, a Xunta está actualmente a elaborar os novos mapas de servizos, que abranguerán 30.000 paradas cos seus correspondentes horarios e que se someterán a información pública nos primeiros meses de 2019 coa fin de que os servizos comecen a funcionar antes de que remate o ano.
A conselleira avanzou que as futuras liñas se organizarán en catro niveis para facilitar a coordinación: autonómicas, comarcais, intermunicipais e municipais.
Está previsto, ademais, converter en bus compartido preto da metade do transporte escolar da Comunidade o que permitirá multiplicar a cobertura territorial dos servizos de autobús, especialmente no rural.
Así mesmo, Implantarase un sistema de tarifas homoxéneo e coherente para toda Galicia, calculando os prezos en función da distancia máis curta entre a orixe e o destino, sen ter en conta o percorrido do autobús nin os transbordos. E estenderase a todas as liñas a gratuidade das viaxes para os menores de 19 anos grazas á Tarxeta Xente Nova.
Finalmente, a conselleira destacou que se integrarán no sistema as novas tecnoloxías da información para facilitar o uso do transporte público e adaptarase ás necesidades ambientais derivadas do cambio climático.