miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Xerencia Integrada de Santiago conmemorou o Día Mundial da Loita contra o VIH

A Xerencia Integrada de Santiago conmemorou o Día Mundial da Loita contra o VIH
A Xerencia Integrada de Santiago conmemorou o Día Mundial da Loita contra o VIH

A unidade de enfermidades infecciosas do Hospital Clínico leva a cabo o seguimento duns 900 pacientes con infección por VIH

Con motivo do Día Mundial da Loita contra a Sida, que se celebra hoxe, a Unidade de Enfermidades Infecciosas da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago sumouse onte á campaña de concienciación, e xunto á ONG Médicos do Mundo, informaron aos usuarios do Hospital Clínico sobre esta doenza, incidindo na importancia da prevención. 

Este ano o lema de ONUSIDA para o Día Mundial da Loita contra a SIDA é "Coñece o teu seroestado", o que fai mención a que “todos debemos facernos a proba do VIH polo menos unha vez na vida. Deste xeito poderemos diagnosticar a todas as persoas que viven con VIH e non o saben e contribuír a limitar a expansión da epidemia", en palabras de Antonio Antela, responsable da unidade de Enfermidades Infecciosas da XXIS.

Nesta unidade que dirixe o doutro Antela, amais de atender pacientes con patoloxía infecciosa diversa, lévase a cabo o seguimento dunha cohorte de preto de 900 pacientes con infección por VIH. Incorpóranse cada ano uns 50 pacientes novos, recen diagnosticados ou trasladados doutros centros, Todos os doentes que acoden regularmente ás consultas, están tomando tratamento antirretrovírico. Na última análise realizada, o 93% dos pacientes tiñan cargar vírica indetectable, é dicir, tiñan controlada a súa infección e están facendo vida normal.

O doutor Antonio Antela asegura que ao longo dos últimos 3 anos tratáronse a todos os pacientes que ademais tiñan hepatite crónica por virus C da hepatite (VHC), conseguindo a resposta viral sostida (equivalente á curación) no 98% deles.

Con respecto ás liñas de investigación levadas a cabo na unidade, hai actualmente 6 ensaios clínicos en marcha e un máis que vai comezar en breve, todos en relación con novos fármacos antirretrovíricos ou novas estratexias de tratamento. Ademais, dende a unidade estase dirixindo unha tese de doutoramento sobre o envellecemento das persoas que viven con VIH e un traballo de fin de grao sobre o tratamento dos pacientes coinfectados por VIH e VHC con axentes antivirais directos.

Acto SOGAISIDA

Este ano a unidade é responsable de organizar o acto que celebra anualmente SOGAISIDA (sociedade galega interdisciplinaria para o estudo da SIDA) para conmemorar o Día Internacional da Loita contra a SIDA. Para elo, os organizadores, a doutora Elena Losada e o doutor Antonio Antela, prepararon un acto que se celebrou onte no Salón de Actos do Colexio Oficial de Médicos de Santiago de Compostela ás 19:00 horas.

No transcurso do acto houbo dúas conferencias, a primeira, pronunciada pola doutora María Jesús Lamas Díaz, até hai pouco xefa do servizo de farmacia do CHUS e actualmente Directora da Agencia Española del Medicamento y Productos Sanitarios (AEMPS), sobre o papel da AEMPS na aprobación de novos fármacos antirretrovíricos.

A Segunda conferencia, impartida polo doutor Antonio Antela López, coordinador da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUS, referirase á posibilidade de controlar a epidemia da SIDA e a perspectiva da curación definitiva da infección por VIH. O acto completarase coa entrega do premio á colaboración a unha ONG, neste caso Médicos do Mundo, e coa homenaxe ás compañeiras e compañeiros que traballan nas unidades de atención ao VIH en Galicia e que se xubilaron ou faleceron recentemente, e finalizará cunha actuación musical a cargo do coro Musicoralia.

Comentarios
Lo más