Hoxe terá lugar a colocación da primeira pedra do futuro centro sociocomunitario Isabel Zendal de Ordes
D. Ángel Maldonado Rodríguez, ex-rexedor terceiro de Veracruz e presidente da Asociación Isabel Zendal Veracruz-México será convidado de honra
Hoxe ás 17:00 horas está prevista a colocación da primeira pedra do que será o edificio sociocomunitario Isabel Zendal no Concello de Ordes Un acto ao que teñen confirmada a súa asistencia distintas autoridades e representantes de diversos ámbitos.
Ademais da alcaldesa en funcións, Ana Soneira, e dos demais integrantes do Goberno local, estará tamén o licenciado Don Ángel Maldonado Rodríguez, acompañado das súas dona e filla, Nadia Piana e Antonella Maldonado Piana.
O ex-rexedor terceiro de Veracruz, municipio irmandado dende outubro de 2017 con Ordes, e actual presidente da Asociación Isabel Zendal en Veracruz-México, atópase estes días de visita en Galicia como convidado de honra polo Concello de Ordes. Cómpre salientar o labor e esforzo levado a cabo por D. Ángel Maldonado Rodríguez para a exaltación da figura de Isabel Zendal, así como no proceso de irmandamento de ambos os municipios. motivo polo que xa no 2016 visitara tanto a Ordes como á parroquia de Parada, lugar de nacemento da primeira enfermeira en expedición internacional segundo a OMS.
Tamén estarán presentes neste momento familiares de Isabel Zendal, veciños e veciñas do municipio, así como representantes de distintos colectivos, empresas e asociacións ordenses.
A edificación, que se situará na rúa Campoamor, constará de catro andares e un semisoto. Terá unha clara vocación interxeracional dentro dun espazo polivalente no que se desenvolverán distintas actividades lúdicas, formativas e sociais e no que se concentrará a atención social que se lles brinda aos diferentes colectivos. Unha infraestrutura que dará resposta ás necesidades de ocio e doutro tipo tanto ás persoas de idade avanzada como ás que presentan algún tipo de diversidade funcional.