Ábrese o prazo de inscrición para participar no XIII Concurso de Escaparates de Nadal de Ames
As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade
O Concello de Ames volve convocar o Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. As persoas titulares de comercios interesadas en participar deberán entregar o impreso de solicitude no rexistro da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou nas Oficinas Municipais do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 horas a 14:00 horas ata o vindeiro 12 de decembro. As solicitudes de inscrición poderán entregarse no rexistro municipal . A inscrición nesta actividade é totalmente gratuíta.
Os escaparates deberán estar expostos entre o 14 de decembro de 2018 e o 7 de xaneiro de 2019. O xurado estará composto por unha persoa representante de cada unha das tres asociacións de comerciantes do concello e unha persoa representante da asociación de Consumidores de Galicia (UCGAL). O xurado contará coa asistencia dunha ou dun técnico especialista, a designar pola Alcaldía. Así mesmo, persoal pertencente á Concellaría de Promoción Económica actuará como secretario.
O fallo do xurado darase a coñecer o 21 de decembro de 2018. O primeiro, segundo e terceiro establecemento clasificado recibirá, respectivamente, 1000, 700 e 400 euros. Alén diso, o concurso tamén contará co Premio Especial do Público, o cal premiará a un establecemento do Milladoiro e outro de Bertamiráns con 200 euros cada un. O resultado das votacións do público serán publicados a finais do mes de xaneiro de 2019. Os establecementos seleccionados polo xurado e polo público gozarán, ademais, da cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, en función das necesidades da programación da radio municipal.
Para realizar as votacións do Premio Especial do Público entregaranse 150 boletos a cada establecemento inscrito, para que sexan distribuídos entre a súa clientela. Os boletos coas votacións deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo correspondente, depositaranse nas urnas colocadas para elo na Casa da Cultura e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e na Biblioteca, no Milladoiro, entre o 14 de decembro de 2018 e o 7 de xaneiro de 2019. As clientas e clientes que emitan, polo menos un voto, participarán no sorteo dun talón por importe de 300 euros, para realizar compras nos establecementos comerciais de Ames. Sortearanse un total de tres talóns bancarios, todos eles de un importe de 300 euros cada un.