Os escolares da comunidade coñecen a orixe da auga mineral natural, o seu valor para a saúde e a súa importancia en Galicia
Onte tivo lugar o primeiro dos talleres no Colexio Compañía de María dirixido aos alumnos de sexto
A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN) ten en marcha o proxecto As augas minerais como recurso mineiro e fonte de saúde. A súa finalidade é contribuír a un mellor coñecemento do sector mineiro galego a través da posta en valor da auga mineral natural como recurso. No marco deste proxecto, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, vaise iniciar unha campaña de sensibilización entre os escolares da comunidade.
Arrancarase cunha serie de talleres en catro colexios de Galicia, un por provincia. Esta iniciativa ampliarase a máis centros educativos ao longo de 2019. O primeiro destes talleres celebrarouse o martes pasado en Verín, no CEIP Princesa de España, para alumnos de cuarto de Primaria. Onte xoves, 29 de novembro, tivo lugar en Santiago de Compostela, no Colexio Compañía de María, dirixido aos alumnos de sexto. Hoxe, venres 30, será en Sarria, no CEIP Frei Luís de Granada, para rapaces de quinto e sexto. E o 4 de decembro o taller desenvolverase en Baiona, no CEIP de Fontes-Baíña, con escolares de terceiro e cuarto de Primaria. Aos rapaces entregaráselles o libro Unha gota é un océano, de Auga Editora, xunto a material didáctico que lles permitirá achegarse a este recurso dun xeito moi práctico.
En vindeiras datas estes talleres complementarase con visitas didácticas do profesorado e alumnado participante a unha planta embotelladora próxima a cada centro educativo. Os escolares terán a oportunidade de valorar a auga mineral natural como un elemento de especial singularidade de Galicia, fonte de saúde e de riqueza, equilibrado co coidado ao medio e a protección do contorno dos acuíferos. Afondarán na condición e orixe mineira das augas minerais naturais. E incidirase nos beneficios que a explotación racional deste recurso ten para a poboación e para o desenvolvemento económico das comarcas nas que se sitúan as envasadoras.
Este proxecto ten ademais un carácter sensibilizador, xa que se reflexiona sobre a importancia do uso axeitado da auga. Nesta liña, abordaranse os hábitos de consumo responsable e expoñeranse recomendacións para a mellora do seu uso. Os nenos aprenderán unha serie de trucos para aforrar auga no colexio e nos seus fogares.