CCOO denuncia deficiencias na escola infantil de Santa Susana, que depende da Xunta de Galicia
Denuncian principalemente as humidades do interior
Comisións Obreiras (CCOO) denuncia múltiples deficiencias na escola infantil de Santa Susana, en Santiago de Compostela, que depende da Consellaría de Política Social.
A pesar de que hai un mes escaso que se inaugurou a escola, tras as chuvias dos últimos días xa son visibles humidades no interior. Peor aínda, nalgunha ocasión a auga mesmo pasou por baixo das portas. O sindicato afirma que os estores das aulas de 1 a 2 anos son translúcidos en vez de opacos, e tampouco están insonorizadas, o que dificulta que as criaturas consigan durmir.
As deficiencias tamén se estenden ao exterior. As traballadoras e traballadores teñen prohibido levar as criaturas ás terrazas exteriores da planta principal, que serían idóneas para xogos, pero «non reúne as condicións de seguridade». CCOO pide que se tomen as medidas correctoras e se suspenda a prohibición.