miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O proxecto de decreto do Xacobeo 2021 sométese hoxe a aprobación do Consello da Xunta

O proxecto de decreto do Xacobeo 2021 sométese hoxe a aprobación do Consello da Xunta
O proxecto de decreto do Xacobeo 2021 sométese hoxe a aprobación do Consello da Xunta

A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 deulle o visto bo ao proxecto

O proxecto de decreto polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 foi aprobado por unanimidade polo pleno da Comisión Organizadora do vindeiro Ano Santo, co fin de que hoxe se poida someter a aprobación do Consello da Xunta de Galicia. 

A través deste proxecto de decreto apróbase, no marco da Comunidade galega, o manual de identidade gráfica que establece os principios básicos que se aplicarán a toda a gama de produtos de comunicación da marca Xacobeo 2021 en Galicia. Este documento enmárcase no manual de uso de marca aprobado pola Comisión Executiva do Consejo Jacobeo o pasado 6 de novembro. O que se busca é ordenar a utilización da marca, xerando así identidade e coherencia na comunicación, o que favorecerá que sexa facilmente recoñecible por toda a sociedade.

A identidade constrúese ao redor de dous elementos clave: a cuncha da vieira e un logotipo deseñado con letras personalizadas. Ademais do visto e prace a este texto normativo, o pleno tamén aprobou por unanimidade as liñas estratéxicas que articularán o plan conxunto de Galicia para o Ano Santo. Ambos os dous asuntos xa foran expostos o pasado 13 de novembro na Comisión Executiva deste órgano.

A presidencia do pleno da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 recae no presidente da Xunta e está conformado por varios membros do Goberno galego pertencentes ás consellerías de Cultura e Turismo, Presidencia, Facenda, Política Social e Infraestruturas e Mobilidade; así como representantes da Delegación do Goberno en Galicia, do Arcebispado de Santiago, do Concello compostelán e da Fegamp, en representación dos concellos de Galicia polos que pasan os Camiños de Santiago.

Comentarios
Lo más