O grupo socialista reclama a apertura dun expediente a Eulen polo servizo de axuda no fogar
Advirte que, de non ser así, pedirá a reprobación de Concha Fernández no pleno de decembro
O principal asunto abordado onte en rolda de prensa por parte do voceiro socialista, Paco Reyes, foi a denuncia sobre a prestación dun servizo público. A atención domiciliaria a persoas dependentes centrou as críticas deste grupo político, despois dunha reunión cun grupo de traballadoras da empresa Eulen celebrada esta semana.
Para Reyes, a situación do servizo de axuda no fogar non só non ten mellorado coa contratación de Eulen sobre a xestión realizada pola empresa anterior, Valoriza, senón que empeorou sustancialmente. No marco dunha reunión celebrada esta semana con representantes das traballadoras, denunciáronse dous incumprimentos.
Ante todas estas denuncias e queixas, o grupo socialista reclama, en primeiro lugar, os informes mensuais e bimensuais que a empresa ten que facer sobre a prestación do servizo, así como a valoración realizada ao respecto por parte dos Servizos Sociais. Así mesmo, reclama de Compostela Aberta a apertura dun expediente para avaliar os presuntos incumprimentos tanto dos pregos como do convenio colectivo. "Nos plenos nos que presentamos diversas iniciativas denunciando a xestión deste servizo, a concelleira sempre pedía que as traballadoras deran un paso adiante e denunciaran a súa situación ante Inspección de Traballo, e agora pensamos que xa non hai excusas posto que sabemos que esa denuncia xa está interposta", asegurou Reyes, que anunciou que de non facelo, pedirán a reprobación da concelleira Concha Fernández no pleno de decembro.
Por outra banda, o concelleiro respostou ás declaracións do alcalde, Martiño Noriega, sobre a cantidade que reclama, presuntamente o ADIF ao Concello polo viaducto de Cornes. Paco Reyes, que adiantou que ten solicitado o acceso ao convenio, lembrou, en primeiro lugar, que "ata donde sabemos, no convenio, que foi asinado por Xerardo Estévez, participou moi activamente, tanto na redacción como nas negociacións, o que é director de área de Urbanismo do alcalde Noriega".
Ademais, para o edil socialista resulta "sorprendente" que Adif reclame sete millóns ao Concello, cando "presuntamente, unhas parcelas que se subastaron son de Adif e foi Adif o que gañou diñeiro". De feito, destacou que unha foi subastada por 2,5 millóns de euros, parcela que se subastou con este goberno municipal e que os socialistas cuestionaron porque optaban pola construcción dun aparcadoiro en superficie.
"Polo tanto, non entendo que en 2018, vinte anos máis tarde, queiran recuperar eses cartos", dixo o voceiro, que instou a CA a poñer enriba da mesa o que gañou Adif na subasta desenvolvida neste mandato.