Hoxe terá lugar unha charla sobre o gas radon na Casa da Cultura de Bertamiráns
Será ás 20:00 horas e impartida por Iván Cristobo Luaces, director científico da Central Científica Galega
Debido á gran cantidade de mitos que rodean ao radon, a Concellaría de Medio Ambiente de Ames organiza hoxe unha charla impartida por o director científico da Central Científica Galega, Iván Cristobo Luaces. Será na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20:00 horas e leva como título Convivindo co Radón, o gas canceríxeno do granito. Durante o relatorio, organizado pola Concellaría de Medio Ambiente, non só explicará que é o radon, tamén falará das consecuencias que ten para a saúde a exposición a este gas e as solucións que existen para facerlle fronte.Tamén tentará desmontar algún dos mitos que xiran en torno a este gas, co obxectivo de aclarar conceptos importantes para enfrontarse a este problema.
O radon é un gas que procede da descomposición do uranio, un dos elementos máis abundantes na cortiza terrestre. Así, en menos de catro días redúcese a metade, producindo partículas alfa radioactivas que son inhaladas e provocan lesións nas células do epitelio respiratorio. O radon supón así a segunda causa de cancro de pulmón, despois do tabaco.
O terreo galego concentra un importante nivel de radon que, á súa vez, pode traspasarse ás edificacións que están en contacto coa terra. Así, faise necesario tomar certas medidas para protexer os edificios. Durante a charla, Iván Cristobo fará un repaso polos diversos métodos probados, duradeiros y costoeficaces para previr a filtración de radon en vivendas de nova construción e reducir a súa concentración nas xa existentes. Este gas é incoloro, inodoro e insípido, para detectar a súa presencia é necesario realizar unha medición que reflicta o nivel de radiación que existe en cada caso para, desta maneira, poder solucionar o problema de xeito efectivo.