Onte comezaron as votacións das pezas do VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames
A audiencia da radio municipal será a encargada de escoller a obra que obeterá o premio do público
Este luns comezou a emisión das pezas participantes no VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!! en Ames Radio, dispoñible na frecuencia modulada 107.2. Hoxe comeza a votación das pezas para elixir á gañadora e a audiencia da radio municipal será a encargada de escoller a obra que obterá o premio do público. A votación poderase realizar ata o vindeiro martes, 4 de decembro, a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452.
As obras presentadas polo IES do Milladoiro foron: Por que morreu Hanah do grupo As Donas, Unha amiga para recordar de Macarone, O misterio de Milán de Os Galaxy, Sentimos o que sentimos do grupo MAC, O mellor verán da miña vida de Os tres fantásticos, Pais vs videoxogos de Os Cómicos, Un papagaio diferente de Os Papagaios e Complexos do século XXI de Ameixas. Pola súa banda, o IES Ames presentou O primeiro mapa de Galicia de Fía e Zoe, As trastadas de Manolo e Xose do grupo As soñadoras, Desastre na cociña de Saranoa, S.L., Paula e Diego de Avestruz, Unha compra non tan comprada das Enredadas, A traizón de Lóstrego, O tren do misterio de IA, O invisible de As Serpes, E agora que cambia? de Lalaland, Quinto Milenio: O fin do mundo de Os calviños de Randin, Non estás soa de Irifalia, Bonecos dixitais de Ísjaka, Caraveis en branco e negro de Estrelas Fugaces, Nudismo de NBA, Amor rexeitado de Axanpatón e Vila sacrificio de MK.
Estas vinte e cinco pezas emitiranse dende hoxe ata o vindeiro 3 de decembro, en horario de 13:30 horas ás 14:30 horas e das 22:00 horas ás 23:00 horas en Ames Radio, de luns a venres. Do mesmo xeito, as pezas tamén estan dispoñibles na sección de Avisos da páxina web municipal.
O concurso radiofónico de teatro lido de Ames ten como obxectivo dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade, ao tempo que fomenta o gusto polo teatro e achega ás mozas e mozos á radio municipal. A actividade, organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Comunicación e Mocidade, estivo dirixida ao alumnado matriculado en calquera dos cursos da ESO dos centros de ensino de Ames.
Alén do premio do público, haberá outros dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Este ano, igual que na edición anterior, os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 21 de decembro. Á gala asistirá todo o alumnado participante.