Da comezo a unha campaña reivindicando a dispoñibilidade de produtos de hixiene íntima nas facultades universitarias galegas
A campaña está organizada por ANEGA
Iniciouse unha compaña por parte do sindicato estudantil ANEGA, Asemblea Nacional de Estudantes Galegas, para reclamar produtos de hixiene íntima nos centros educativos. Para isto, emprendeu unha primeira parte da campaña coa difusión de cartaces, tanto por redes sociais coma por facultades, ademais da colocación de caixas con compresas ou tampóns nos baños dalgunhas facultades do campus de Santiago de Compostela da USC e o do Ourense da UVigo, ainda que é unha iniciativa que pretenden que se estenda a todos os campus galegos desde os cales xa se está traballando.
Nas caixas poden verse mensaxes como: “Porque non debería ser un luxo, demandamos produtos de hixiene íntima ao alcance de todas!’’, en referencia á que este debería ser un servizo gratuíto. A Responsable de Muller na Coordinadora Nacional do sindicato, Cristina Calvete, expresouse neste sentido: “Con esta campaña queremos visibilizar un problema que existe e que todas sufrimos pero moitas veces calamos. Nós menstruamos e, polo tanto, deberían de facilitársenos os recursos adecuados para que isto afecte o menos posible á nosa vida académica. O que demandamos son artigos de primeira necesidade. Ademais, malia a suposta baixada do IVE continúan a ser produtos caros e na meirande parte das facultades non hai lugares preto para poder adquirilos”.
Con esta campaña o que se busca é conseguir a incorporación de produtos de hixiene íntima nas máquinas expendedoras e asegurar a dispoñibilidade destes nas conserxerías de todas as facultades. Calvete explicou que xa están en conversas co equipo reitoral da USC e que están sendo “moi frutíferas”, aínda que non hai unha data fixa para a súa instalación.