O Grupo Popular demanda a limpeza da finca do antigo colexio Peleteiro
Desde hai varios meses, na zona de acceso da fachada principal pola rúa San Pedro de Mezonzo amoréase lixo de diversas orixe
O Grupo Popular quere atallar a imaxe de suciedade e de abandono que a falta de actividade nas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro está a provocar nas instalacións. Con ese fin, van presentar un rogo no vindeiro pleno municipal para que o Goberno se dirixa á propiedade requiríndolle a realización os labores de acondicionamento e limpeza necesarios.
Desde hai varios meses, na zona de acceso da fachada principal pola rúa San Pedro de Mezonzo amoréase lixo de diversas orixe: bolsas, latas, botellas, papeis, envases plásticos ou restos vexetais. Tamén se fai necesaria unha atención á proliferación de maleza, co acondicionamento da vexetación alí existente.
Os populares reclaman que a limpeza e os coidados se fagan coa periodicidade necesaria. Esta atención deberá prolongarse no futuro, mentres non se desenvolva urbanísticamente esta zona.
A finca do antigo colexio Manuel Peleteiro pertence á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestructuración Bancaria (SAREB), e atópase pendente dunha nova ordenación urbanística a través dun Plan Especial que se iniciou no mes de abril co envío do expediente á Xunta de Galicia para a realización da avaliación ambiental. A decisión e a execución para a transformación desta finca aínda se demorará no tempo e con esa perspectiva faise preciso que, xunto coa seguridade da edificación, se manteña a súa limpeza e adecentamento de todo o seu contorno.