Carmen Pomar participou onte nunha xornada formativa sobre o STEMBach
Según Pomar, o STEMBach é "unha oportunidade, tamén, para chegar ao mundo universitario cun coñecemento previo de primeira man que vos facilite a incorporación e adaptación ás ensinanzas superiores”
Onte, no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, participou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na inauguración dunha xornada formativa dirixida a alumnado, profesorado e persoal investigador universitario colaborador no desenvolvemento do impulso do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach). Esta modalidade impártese por primeira vez neste curso como iniciativa pioneira ao abeiro da Estratexia Galega para a Educación Dixital (EDUdixital) 2020.
Pomar describiu este Bacharelato como “unha oportunidade, tamén, para chegar ao mundo universitario cun coñecemento previo de primeira man que vos facilite a incorporación e adaptación ás ensinanzas superiores” asegurando que o STEMbach completa a formación do alumnado en aspectos máis amplos, como o desenvolvemento dunha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica, clave para avanzar nunha sociedade máis xusta, participativa e libre; o fomento da creatividade, a mellora das destrezas comunicativas e a mellora da capacidade expresiva, oral e escrita.
Tras a apertura, a xornada seguiu co relatorio de Deborah García Bello, química e divulgadora coruñesa, autora do blogue Dimetilsulfuro, sobre a importancia de facer ciencia como sociedade. A continuación o grupo dividiuse en dúas partes e, mentres o profesorado e investigadores presentaron cadanseu proxecto, o alumnado asistirá a unha charla de Rocío Pérez Montes, redactora de Maldita Ciencia, a división científica de Maldito Bulo, web de referencia en España en contraste de fake news e único grupo español membro do comité europeo de expertos de loita contra a desinformación e as novas falsas. O obxectivo desta sesión é concienciar os rapaces da importancia de filtrar a información, recorrer sempre ás fontes e de ser cidadáns activos neste sentido.
A xornada rematou cun relatorio de Marta Macho Stadler, matemática e autora do blogue Mujeres con Ciencia, que afondará na importancia do empoderamento das mulleres no eido das ciencias.