O CEIP Apóstolo Santiago conmemorou o aniversario da Constitución Española coa conselleira de Educación
Ademáis do acto de onte, repartiuse unha unidade didáctica de primeira aproximación á Carta Magna
Onte conmemorouse os 40 anos da Constitución Española nunha xornada de celebración co alumnado do CEIP Apóstolo Santiago nun acto no que participou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Este acto reuniu a case un centenar de alumnas e alumnos de infantil e primaria xunto co seu profesorado do centro, que asistiron a unha pequena representación teatral baseada na Constitución e no que representa para a historia democrática de España.
A conselleira salientou a importancia deste tipo de iniciativas para que os máis pequenos coñezan a importancia da Constitución, contribuíndo así a inculcarlles valores como a liberdade, a responsabilidade, a solidariedade ou a tolerancia.
Pola súa banda, Valentín García incidiu na importancia que tivo o feito de que a Constitución de 1978 recoñecese “o valor da riqueza lingüística de España, considerada obxecto de especial protección”, e de que a nosa lei fundamental lle abrise a porta “á cooficialidade do galego co castelán que recolle o noso Estatuto de autonomía”. “Cooficialidade que garantiu por primeira vez os dereitos dos galegofalantes, a igualdade e a non-discriminación por razón da lingua das que hoxe gozamos”, remarcou.
Os escolares presentes recibiron, ademais, unha unidade didáctica sobre a Carta Magna elaborada para esta conmemoración. Pensada para traballar nas aulas, a unidade aborda preguntas como que é unha constitución e para que serve, os contidos básicos da de 1978 e os valores que establece como modelo de sociedade no que atinxe á liberdade, pluralismo, participación, responsabilidade, igualdade, tolerancia e solidariedade.
A finalidade deste documento é que o alumnado de infantil e primaria tome conciencia da existencia dunha Constitución que marca os valores básicos da sociedade que nos identifican como persoas e como cidadáns e cidadás.