Buscan a un percebeiro ribeirense de 52 anos que desapareceu dende onte
O home de 52 anos saíra a buscar percebes na zona de Couso e non se volveu a saber nada máis
Os servizos de emerxencia traballaron ata ben entrada desta madrugada na procura dun home que falta dende a mañá de onte do seu domicilio.
Segundo informaron os axentes da Policía Nacional cando chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso, ao fío das 21:00 horas deste domingo, familiares do desaparecido puxeron a denuncia tras comprobar que o home non volvera á casa despois de que saíra para recoller percebes na zona de Couso, en Aguiño, Ribeira.
A partir de aí, persoal do 112 Galicia axiña puxo os feitos en coñecemento de Salvamento Fisterra e do Servizo de GardaCostas de Galicia, que mobilizaron o helicóptero Pesca 1 para inspeccionar a zona.
Tamén, axentes da Policía Local, persoal do concello e os membros do Grupo de Emerxencias Municipal e da agrupación de voluntarios de Protección Civil da localidade formaron parte do dispositivo de busca que, hoxe, á primeira hora se retomou, sumándose ao operativo o helicóptero Helimer 402 de Salvamento.